A Casa do Saber da USC acollerá a proxección de 35 curtas no marco da Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo

O auditorio da Casa do Saber da USC acollerá do 22 ao 25 de setembro a proxección das 35 producións cinematográficas incluídas na sección ‘As curtas tamén son cine’ da XXXVII Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo, un evento cultural arredor da sétima arte no marco do que se proxectarán na capital luguesa un total de 88 filmes de diversos xéneros e metraxes do 21 ao 27 de setembro.
A Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo rende nesta trixésima sétima edición unha particular homenaxe á actriz orixinaria de Montecubeiro (Castroverde), aínda que nada en Cuba, Mercedes Josefina Carrodeguas Gómez, Mercedes Cora, á que tamén se lembra cunha exposición aberta este mércores no Museo Provincial de Lugo. A cita cinematográfica ofrece ademais ao público lugués a posibilidade de gozar de máis de 200 horas de cine, entre as que se atopan películas realizadas en todo o mundo, pero tamén en Galicia e en Lugo, segundo indicou o director deste programación, Manuel Curiel. O presidente do Grupo Cinematográfico Fonmiñá, a entidade promotora e organizadora da Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo, Xulio Xiz, sinalou que este evento mantén unha estrutura semellante á das últimas edicións. Daquela, indicou que o auditorio municipal Gustavo Freire, ademais de acubillar as galas inaugural e de clausura desta cita, programadas para os días 21 e 27 de setembro, tamén será a sede na que se proxectarán as producións incluídas na sección oficial, así como nos ciclos infantil e ‘O mellor do ano’. O público interesado poderá visualizar na Biblioteca Provincial de Lugo as películas incluídas na sección ‘E para comer... Lugo’. O Salón de actos da Deputación Provincial, o Museo Provincial e o Museo Interactivo de Historia de Lugo (MIHL) acubillarán respectivamente as proxeccións das producións cinematográficas que conforman os ciclos de homenaxe a Mercedes Cora, Arte e cine e Colleita dourada. A presentación da XXXVII Semana Internacional de Cine de Autor, un acto ao que tamén asistiron o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo; o deputado provincial responsable da Área de Cultura, Francisco Balado; a concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Carmen Basadre, e a responsable de Acción Cultural da Consellería de Cultura e Educación en Lugo, Yolanda Gómez, serviu asemade para que o presidente do Grupo Cinematográfico Fonmiñá fixese públicos os agradecementos a todas as entidades públicas e empresas privadas que patrocinan ou colaboran na organización deste xa consolidado programa cinematográfico e entre as que se atopan, USC, Deputación Provincial, Concello de Lugo e Xunta de Galicia.