Casares presenta aos empresarios galegos no exterior a aposta da USC por xerar valor social e económico
Asociacións de empresarios galegos en Arxentina, México, Portugal, República Dominicana, Rio de Janeiro, Uruguai, Venezuela e Estados Unidos, así como Aragón, Cataluña e Madrid foron testemuña este martes do potencial científico, económico e social de Campus Vida, o Campus de Excelencia Internacional da Universidade de Santiago de Compostela. Varios grupos de investigación punteiros, co reitor Juan Casares á cabeza, mantiveron no CACTUS un encontro con representantes destas asociacións para mostrarlle o traballo que se está a realizar no eido das ciencias da vida da USC. “Científicos, estudantes, emprendedores, directivos de grandes empresas e institucións financeiras, todos xuntos cunha estratexia común e colaborativa que converteu a USC nun motor económico e social fortemente recoñecido nacional e internacionalmente”, manifestou un dos investigadores e reafirmou esta tarde o reitor Casares. Á xuntanza, como explicou o presidente dos empresarios mexicanos, Antonio Cortés, asistiron todas as asociacións excepto Panamá, en proceso de constitución, e a de Euskadi por enfermidade do seu presidente. O reitor presentoulles no encontro o potencial investigador e de transferencia de tecnoloxía da USC, “unha universidade comprometida coa investigación e o desenvolvemento do contorno, do que vós formades parte”. Aproveitou ademais para agradecerlles e solicitarlles a súa colaboración, “ xuntos podemos continuar coa excelencia nos eidos da investigación e da docencia, cualidade que esta universidade ten conseguido e revalidado co seu Campus de Excelencia Internacional de carácter global”. Casares, para quen é imprescindible a colaboración entre a Universidade xeradora de coñecemento e as empresas, fixo un percorrido polo máis sobresaínte da investigación na USC destacando tanto os proxectos punteiros como aqueles outros que son de relevancia pola transferencia de coñecemento á industria. Despois da benvida, en representación dos empresarios fixo uso da palabra Antonio Cortés para agradecerlle ao reitor a convocatoria e acollida “nesta universidade que ten sona moito máis aló das fronteiras de Galicia e de España”. Tamén se congratulaba por esta convocatoria o director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela, que recalcou a aposta decidida da Axencia pola transferencia de resultados. ”Facemos, pois, investimento en vez de subvencións”, sentenciou. Acompañado entre outros polo vicerreitor de Investigación e Innovación, Francisco González, e o director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento, José Luis Villaverde, o reitor presentoulles aos asistentes unha videorreportaxe na que relevante persoal investigador como Ángel Carracedo, María José Alonso, Carlos Diéguez ou Jorge Blanco explica a capacidade da USC de xerar valor empresarial, económico e social. A comitiva tivo despois a oportunidade de coñecer de primeira man a Rede de Centros Singulares de Investigación da USC: os Centros de Investigación en Tecnoloxías da Información (CiTIUS), en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) e en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS). As presentacións correron a cargo dos seus directores, Paulo Félix Lamas, Dolores Pérez Meirás e Carlos Diéguez González. Datos reais Na xuntanza ofrecéronse cifras reais que poñen de manifesto que a USC é unha institución capaz de xerar valor, con 30.000 metros cadrados de laboratorios de investigación; 3.600 persoas dedicadas a I+D, das que a metade son investigadores; 215 teses defendidas e preto de 2.000 artigos científicos publicados, ou os máis de trinta centros e institutos especializados que traballan nos eidos da biomedicina, as TICs e aplicacións industriais, a alimentación e o medio ambiente ou as humanidades e ciencias sociais.
Eses datos son o reflexo dos fondos captados a través de proxectos de investigación. Por exemplo, 36 millóns de euros en 2011, ano no que a facturación por contratos de I+D foi de máis de 14 millóns. En canto á valorización de resultados é de destacar o terceiro posto que ocupa a USC en España en solicitudes de patente e a quinta posición no número de spin-offs creadas (cunha media de catro por ano).
Á xuntanza asistiu numeroso persoal investigador da Universidade de Santiago