Os case medio cento de Esenciais xa poden consultarse en aberto na Libraría dixital da USC
Os corenta títulos que integran a colección Esenciais USC, recursos que sintetizan unha materia —ou unha parte significativa dela— para converterse en guía de referencia que acompañe o alumnado no proceso de aprendizaxe dos contidos, xa poden consultarse en aberto a través da Libraría Dixital da USC. Esenciais pretende ser un recurso que sirva para apoiar o traballo do profesorado e estudantado nos seus diferentes papeis.
“Os Esenciais naceron como ferramenta que permite achegar o galego á docencia”, explican dende o Servizo de Normalización Lingüística. En consonancia co Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 4, o cal aspira a garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade e promover oportunidades de aprendizaxe durante toda a vida para todos, os Esenciais permitiron dende 2019 “mellorar a comunicación lingüística en galego no eido científico na universidade, así como transmitir información veraz e crear materias válidos para o Ensino Secundario e para o eido profesional como pode ser o SERGAS”, engaden.
“Os Esenciais conforman un resumo executivo do curso con información veraz e contrastada fronte a fontes dixitais non verificadas”, destacan. Deste xeito, os corenta títulos que poden ser lidos en liña ou descargados en formato pdf, conforman recursos condensados do saber que conteñen o esencial dunha materia. A colección arrincou en 2019 cunha proposta piloto ao que paulatinamente foron sumándose títulos ata chegar ata ese medio cento que agora pasa a estar dispoñible en aberto.