Ir o contido principal

Castelao na USC, 125 anos despois

Francisco López, Juan Casares e Carlos Valle no acto celebrado en Medicina
Francisco López, Juan Casares e Carlos Valle no acto celebrado en Medicina
A Facultade de Medicina da USC acolleu un acto homenaxe co gallo do 125 aniversario do nacemento de Castelao

A Universidade de Santiago e a Xunta de Galicia homenaxearon este luns 31 de xaneiro ao escritor Castelao, coincidindo coa celebración do 125 aniversario do seu nacemento, o 30 de xaneiro de 1886. Foi no transcurso dun acto celebrado na Sala homónima da Facultade de Medicina, chamada así precisamente en honra ao narrador e debuxante que cursou os seus estudos de médico na USC. O reitor Juan Casares Long, e o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos da Xunta de Galicia, Francisco López Rodríguez, presidiron o acto, no que o director do Museo de Pontevedra Carlos Valle impartiu unha conferencia na que analizou os tres eidos polos que transitou o intelectual galeguista: a arte, a literatura e a política. A sesión contou coa presenza ademais do vicerreitor de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade, Javier Garbayo, o decano da Facultade, Juan Gestal, así como diversas autoridades civís, académicas e culturais. Casares pechou a xornada aludindo á débeda “incalculable” que a cultura e a sociedade galega contraeron coa figura de Castelao, engadindo que non deberan existir razóns especiais para lembrar “ a un home e unha obra que explican en boa medida o pensamento cívico, político, social e cultural de Galicia hoxe”.

O acto é unha mostra máis do compromiso que a USC ten coa figura de Castelao e que se reflicte tamén en varias publicacións. Unha das primeiras, sinalou o reitor compostelán, o volume de 1976 Homenaxe a Castelao, e no que colaboran Otero Pedrayo, Carballo Calero, Ramón Piñeiro, Uxío Novoneyra, Martínez Risco, Franco Grandes, Fernández del Riego, Xohana Torres ou Varela Jácome, entre outros. Anos despois chegaron as Actas do ‘Congreso Castelao’, baixo a coordinación de Ramón Villares e Justo González Beramendi, así como a edición crítica, a gran formato, de Sempre en Galiza, realizada baixo a coordinación de Ramón Máiz.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.01.2011.