Un novo catálogo biográfico da catedral de Santiago súmase á trintena de obras editadas por USC e Consorcio

Os dous tomos que integran a obra Catálogo biográfico de la catedral de Santiago de Compostela. Dignidades, canónigos y racioneros del siglo XVI súmanse á listaxe de case trinta títulos editados conxuntamente pola USC e o Consorcio de Santiago. A obra foi presentada nun acto no que tomou parte o reitor Antonio López quen salientou que a “permanente renovación, con cada título presentado, deste veterano convenio de colaboración editorial, seguirá rendendo froitos tan brillantes como o que hoxe presentamos”.
Ademais do reitor, interviñeron no acto o alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; Belén Hernández, xerenta do Consorcio; Arturo Iglesias Ortega, autor da obra; e Francisco Buide del Real, cóengo arquiveiro-bibliotecario da catedral.
O catálogo biográfico da catedral de Santiago, do doutor en Historia Moderna e experto arquivista e documentalista, Arturo Iglesias Ortega, contén un minucioso labor de erudición e documentación, ao universo eclesiástico da Compostela do século XVI. “A obra de Arturo Iglesias compón no seu conxunto unha estampa chea de engado para o lector común e de vivo interese para os investigadores dun amplísimo campo de estudos históricos e historiográficos”, destacou Antonio López.
A riqueza e puntualidade do dato biográfico de máis de 500 persoeiros catedralicios, a profundidade da investigación xenealóxica contida nun anexo de case cincuenta táboas, e o rigor na metodoloxía conceden a estas 1.500 páxinas “a categoría de obra referencial, case canónica no seu xénero, e de obrigada consulta”, dixo o reitor.
O vindeiro ano 2023, o convenio para a coedición de libros entre o Consorcio de Santiago e Universidade cumprirá trinta anos. En 1993, asinouse un convenio marco para a edición conxunta de libros que deberían ter, como nexo común, temas relacionados coa proxección histórica, social ou cultural de Compostela e co universo xacobeo no que se enmarca. “Serán trinta anos de estreita e fluída colaboración nos que saíron do prelo un nutrido repertorio de monografías, que conforman a día de hoxe unha rica biblioteca de autores, temas e títulos e testemuñan a rendibilidade da cooperación entre institucións cando se atopan canles fluídas de traballo en equipo, concretadas neste caso entre os departamentos de Publicacións do Consorcio e a Universidade”, concluíu o reitor.
