A Cátedra Bolívar da USC organiza unhas xornadas sobre os cambios experimentados en Venezuela nos últimos anos
A Cátedra Bolívar da USC organiza este mércores e o xoves unhas Xornadas sobre Venezuela nas que, tomando como marco introdutorio de novas formulacións políticas a Constitución Bolivariana de 1999, os expertos convidados analizarán as liñas de política exterior seguidas dende a cúpula dirixente deste país. Estas Xornadas estarán dirixidas polo profesor Lúis Carames, director da Catedrá Bolívar, e coordenadas por Emilio Ucha Barros.
O programa proposto, prestará especial atención á situación e transformación da cidadanía venezolana, dos medios de comunicación ou do estamento militar. A quenda de intervencións do encontro, que se desenvolverá no Hotel Araguaney, arrancarán ás 10:45 horas coa presentación do encontro que realizará o director da Cátedra, Luis Caramés, ao que lle seguirá un seminario de investigadores que contará coa presenza de Thais Maingon, da Universidade Católica Andrés Bello de Caracas, e de Aníbal Romero, da Universidade Metropolitana de Caracas.
Xa na xornada da tarde, a partir das 17:30 horas, Thais Maingon tratará os cambios sociais operados en Venezuela, para deseguido abordar a relación entre militares e política exterior na Revolución Boliviarana, tema que desenvolverá Aníbal Romero.
O programa do xoves, día 22, centrarase na celebración, ás 17 horas, da mesa redonda ‘O cambio en Venezuela’ na que, moderada por Emilio Ucha, intervirán o profesor da Universidade de Valencia, Ruben Martínez Dalmau, Thais Mangon, Anibal Romero e o profesor da Universidade Central de Venezuela, Roberto Mansilla.
A xornada rematará coa clausura oficial, na que está previsto que participen o vicerreitor de Relacións Institucionais da USC, Lourenzo Fernández Prieto, e o presidente da Fundación Araguaney, Ghaleb Jaber Ibrahim.