Ir o contido principal

A Cátedra do Camiño afonda na ruta xacobea a través de tres cursos en modalidade MOOC

Estes tres cursos versan sobre diversos aspectos do Camiño de Santiago. FOTO: Santi Alvite
Estes tres cursos versan sobre diversos aspectos do Camiño de Santiago. FOTO: Santi Alvite
A formación masiva en liña e en aberto a través da plataforma MIRIADAX servirá de marco para profundar no Camiño como patrimonio dun mundo global, nos enfoques didácticos interdisciplinarios en torno á ruta, así como a súa presenza nas redes sociais
Santiago de Compostela

A Cátedra do Camiño de Santiago e as Peregrinacións, cuxa creación foi froito da colaboración entre a USC e Turismo de Galicia, impulsa cursos en liña sobre a ruta xacobea baixo a modalidade MOOC (Massive Open Online Course). Os tres cursos presentados este venres no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia da USC, están pensados para que se poida acceder a eles a través da plataforma MIRIADAX, coa que a USC asinou recentemente un convenio de colaboración. Estes tres cursos MOOC abren a porta a unha serie coa que a Universidade pretende que este tipo de formación teña continuidade no tempo ao ampliarse a outras áreas de coñecemento.

No acto de presentación, presidido polo reitor Antonio López, tomaron parte o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda; xunto con Daniel Lorenzo Santos, director da Fundación Catedral de Santiago de Compostela. O profesor Miguel Taín Guzmán, director da Cátedra, explicou os detalles desta iniciativa docente e aproveitou para poñer o foco en como o feito de “facilitar a reflexión e o debate cultural e académico no ámbito do Camiño de Santiago, co fin de conseguir o seu mutuo enriquecemento intelectual e a mellora da súa formación cultural e universitaria” é unha das metas desta cátedra institucional da USC.

Perspectivas diversas

Estes tres cursos versan sobre diversos aspectos do Camiño de Santiago. O primeiro, O camiño de Santiago, patrimonio da Humanidade para un mundo Global, constitúe un achegamento aos valores do Camiño, abordando aspectos históricos, patrimoniais, literarios e económicos. O segundo  MOOC, O Camiño de Santiago, enfoques didácticos multidisciplinares, afordará na ruta xacobea como ferramenta pedagóxica en aspectos tan diferentes como a arte, a Xeografía e a Paisaxe, a Socioloxía e o Turismo, ou a Música. Por último, o curso titulado O Camiño de Santiago nas redes sociais profundará na relación entre a cultura e as plataformas sociais, e nas enormes posibilidades de divulgación que ofrecen as mesmas.

Cada un destes cursos consta de catro módulos, e cada un deles, á súa vez, estará impartido por un especialista, sendo a maioría profesores da USC. Os módulos están integrados por clases teóricas, que xa foron gravadas en diferentes localizacións de Galicia, e dunha serie de actividades que cada profesor propoñerá na súa parte.

De esquerda a dereita, Alfonso Rueda, Antonio López, Daniel Lorenzo Santos e Miguel Taín. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Alfonso Rueda, Antonio López, Daniel Lorenzo Santos e Miguel Taín. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.03.2021.