A Cátedra do Camiño premia unha investigación sobre as políticas patrimoniais nas narrativas das autoridades municipais no norte de Portugal

Irina Malyuchenko, estudante orixinaria de Casaquistán, acaba de ser distinguida na quinta edición do Premio a Traballos Fin de Grao (TFG) e Fin de Mestrado (TFM) que outorga a Cátedra do Camiño de Santiago e as Peregrinacións, cuxa creación foi froito da colaboración entre a USC e Turismo de Galicia. O xurado decidiu premiar a Malyuchenko polo TFM titulado ‘Políticas patrimoniais nas narrativas das autoridades municipais no norte de Portugal: o caso dos Camiños Portugueses de Santiago a exame’.
O traballo desenvolveuse no marco do Mestrado Universitario Erasmus Mundus ‘Encrucilladas nas Narrativas Culturais’, organizado polas universidades de Sheffield (Reino Unido), Nova de Lisboa e a USC. O decano da Facultade de Filoloxía, Elias Feijó Torres, é o director deste TFM xunto a Marta Lalanda Prista da Universidade Nova de Lisboa.
“O Camiño de Santiago representa un sistema dinámico complexo de relacións, usos, prácticas e consumos culturais asociados e interdependientes, en que coexisten as comunidades locais e o feito turístico”, explica a investigadora. Os habitantes que se atopan no percorrido dos itinerarios xacobeos enfróntanse de xeito directo coas relacións complexas entre o medio do patrimonio e o medio das políticas públicas sendo resultado e reflexo de movementos interactivos de persoas, así como de interaccións multidimensionais, continuas e recíprocas de bens, ideas, coñecementos e valores.
Con todo, para manter este dinamismo e o crecente interese dos peregrinos nos Camiños Portugueses de Santiago ao longo das últimas décadas, as autoridades locais e diferentes organismos expuxeron estratexias para xestionar o patrimonio e xerar beneficios nos espazos por onde discorren as rutas xacobeas. O presente estudo de diversas realidades afectadas pola fórmula turística vinculada ao Camiño de Santiago busca determinar en que medida os procesos de patrimonialización, construídos sobre a base de itinerarios turísticos, están reflectidos nas narrativas públicas locais.
Mediante a realización de entrevistas en profundidade, observacións non participantes e o estudo de documentos secundarios, contrastando catro municipios no norte de Portugal (Ponte de Lima, Vila Pouca de Aguiar, Arcos de Valdevez e Vieira do Minho) con diversos graos de influencia e sen influencia directa dos Camiños Portugueses Interior, Central, de Torres e Minhoto Ribeiro; analízanse as políticas dos municipios no ámbito de cultura, así como as narrativas patrimoniais xeradas polas canles oficiais sobre os lugares e comunidades obxecto de análise e contraste, na súa índole de eventual alianza ou ameaza para os diversos aspectos culturais das comunidades locais que empregan ou non esta fórmula turística xacobea.