Ir o contido principal

A Cátedra do Camiño recoñece un estudo sobre a reconstrución historiográfica dos vínculos entre Compostela e Pistoia

O traballo profunda na cidade de Pistoia. FOTO: https://www.italia.it/it/toscana/pistoia
O traballo profunda na cidade de Pistoia. FOTO: https://www.italia.it/it/toscana/pistoia
A investigación realizada por Michele Alesi “traza unha cartografía simbólica que revela a persistencia dunha memoria compartida”
Santiago de Compostela

A oitava edición do Premio ao Traballo Fin de Grao e Fin de Mestrado sobre o Camiño de Santiago e as Peregrinacións acaba de recaer na investigación titulada Santiago de Compostela y Pistoia: articulación de un patrimonio histórico compartido hacia el hermanamiento institucional, de Michele Alesi, estudante do Mestrado en Xestión do Patrimonio Artístico e Arquitectónico, Museos e Mercado da Arte, da Universidade de Santiago de Compostela. Esta distinción é outorgada pola Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e as Peregrinacións que xurdiu ao abeiro da colaboración entre a USC e Turismo de Galicia da Xunta de Galicia.

O estudo premiado artéllase arredor da reconstrución historiográfica dos vínculos entre Santiago de Compostela e Pistoia, cidades irmandadas por unha alianza de devoción sustentada no arraigado culto ás reliquias do Apóstolo Santiago o Maior. Mediante a análise de fontes documentais primarias e secundarias, testemuños hemerográficos e entrevistas a referentes institucionais e culturais que contribuíron a reactivar a relación entre as dúas cidades no presente, a investigación “traza unha cartografía simbólica que revela a persistencia dunha memoria compartida, inscrita na arquitectura sacra, as prácticas devocionales e as redes de peregrinación europeas”, destaca Michele Alesi.

En continuidade con este legado histórico, a proposta de irmandade formulada en 2017 pola administración de Pistoia, destaca como unha expresión contemporánea de renovación simbólica e vontade de cooperación. A investigación propón unha lectura crítica da devandita iniciativa como xesto de reactivación dunha alianza secular, proxectada cara ao fortalecemento dos intercambios académicos e institucionais no marco do Camiño de Santiago. Como propósito último, o estudo pon en valor a contribución da tradición investigadora italiana ao corpus dos estudos composteláns, á vez que se expón a posibilidade dunha reconfiguración do legado xacobeo en diálogo cos desafíos culturais do presente. Este proxecto constitúe, en definitiva, unha invitación para pensar o patrimonio como espazo de encontro, e a recoñecer na relación entre Santiago de Compostela e Pistoia un modelo exemplar de cooperación intelectual, continuidade histórica e proxección europea.

Arte, territorio e identidade 

Michele Alesi é investigador en historia da arte e xestión do patrimonio, cunha formación internacional que abarca institucións como a Manchester Metropolitan University, a Universitat de Barcelona e a Universidade de Santiago de Compostela. A súa traxectoria profesional desenvolveuse en espazos como o Auditorio de Galicia, Manchester Contemporary, ou Whitworth Art Gallery, nos que exerceu labores de comisariado, mediación cultural e deseño de programas didácticos orientados a públicos diversos. A súa práctica investigadora articúlase en torno ao estudo das relacións entre arte, territorio e identidade, con especial atención ás dinámicas de inclusión e sustentabilidade no ámbito cultural. 

Neste marco, o seu actual proxecto céntrase na reconstrución historiográfica dos vínculos entre Santiago de Compostela e Pistoia. No ámbito editorial, Michele publicou os ensaios Il banchetto cannibale. Pratiche antropofagiche per a liberazione do corpo queer (TWM Factory, Edizioni TLON, 2023) e Resisting Fluidity. Rewriting the narrative of queer migrants (INS, Spazio In situ, 2023), onde reflexiona sobre as interseccións entre arte e identidades disidentes.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.11.2025.