Ir o contido principal

A Cátedra Cruz Roja Española-USC avalía o impacto da COVID-19 entre as persoas maiores en Galicia

A finalidade do estudo, realizado entre os días 3 e 12 de novembro con 411 persoas, é detallar a realidade percibida pola poboación de maior idade en Galicia. FOTO: Santi Alvite
A finalidade do estudo, realizado entre os días 3 e 12 de novembro con 411 persoas, é detallar a realidade percibida pola poboación de maior idade en Galicia. FOTO: Santi Alvite
Segundo os primeiros resultados dunha enquisa realizada a preto de medio millar de persoas, a poboación maior de 65 anos móstrase satisfeita coa súa calidade de vida en tempos da COVID-19
Santiago de Compostela

Segundo os primeiros resultados dunha enquisa realizada pola Cátedra Cruz Roja Española-USC entre preto de medio millar de persoas de 65 ou máis anos en Galicia, 7 de cada 10 móstranse satisfeitas e conformes coa súa calidade de vida a pesar do contexto actual condicionado pola COVID-19. Os aspectos mellor valorados, ademais das condicións dos seus propios fogares para cumprir as medidas de illamento social —cunha puntuación media de 4,07 sobre 5—, son os relacionados coas dimensións de relación social e psicolóxica, así como o apoio social que reciben (3,84 sobre 5) ou as relacións persoais coas que contan (3,81 sobre 5). Pola contra, entre as cuestións con valoracións máis baixas destacan as oportunidades de ocio das que dispoñen ou os recursos económicos cos que contan.

Estes son algúns dos datos facilitados este xoves na presentación de resultados celebrada no Centro de Estudos Avanzados da USC nun acto no que interviñeron o vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade, Gumersindo Feijoo Costa; a presidenta de Cruz Roja en Galicia, Carmen Colmeiro; o director da Cátedra, Fidel Martínez Roget, e o co-director da mesma Manuel Gandoy.

A finalidade do estudo, realizado entre os días 3 e 12 de novembro con 411 persoas, é detallar a realidade percibida pola poboación de maior idade en Galicia a partir das súas propias opinións e en relación á situación provocada pola COVID-19. En palabras do director da Cátedra Fidel Martínez Roget, “nun contexto de enormes dificultades, as persoas maiores demostraron unha importante capacidade de resistencia, xa que case a metade valoran como ‘boa’ ou ‘moi boa’ a súa calidade de vida”. Ademais, engadiu o docente, “as percepcións positivas aumentan coa idade, o que pon de manifesto a resiliencia derivada da experiencia acumulada co paso dos anos”.

Carmen Colmeiro sinalou que Cruz Roja continuará traballando nesa liña de investigación e transferencia de coñecemento sobre aqueles aspectos que impactan nas diferentes dimensións da calidade de vida das persoas maiores para ofrecer información relevante e contrastada á sociedade, á administración pública e ao sector empresarial para contribuír á construción dunha contorna mellor para as persoas maiores.

Se ben destes primeiros resultados xa se é posible extraer conclusións, a Cátedra Cruz Roja Española-USC profundará na análise de datos nos próximos meses para elaborar unha investigación máis detallada da situación das persoas maiores en Galicia. Segundo Fidel Martínez, “trátase dun estudo ambicioso e pioneiro que pretende ter continuidade de xeito que se poida facer un seguimento na evolución das percepcións dun colectivo cada vez con máis peso no noso territorio”.

Na mesma sesión deuse a coñecer a nova web da Cátedra, concibida como unha ferramenta de divulgación a través da que dar conta das súas investigacións e actividades así como dos profesionais que a integran.

No acto interviñeron o vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade, Gumersindo Feijoo Costa; a presidenta de Cruz Roja en Galicia, Carmen Colmeiro; o director da Cátedra, Fidel Martínez Roget, e o co-director da mesma Manuel Gandoy. FOTO: Santi Alvite
No acto interviñeron o vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade, Gumersindo Feijoo Costa; a presidenta de Cruz Roja en Galicia, Carmen Colmeiro; o director da Cátedra, Fidel Martínez Roget, e o co-director da mesma Manuel Gandoy. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.12.2020.