Ir o contido principal

A Cátedra Jean Monnet ‘A cultura da integración europea’ da USC organizou o primeiro seminario internacional da serie ‘Literatura mundial e o mundo hispano-falante’

A Cátedra Jean Monnet ‘A cultura da integración europea’ da USC acaba de desenvolver na Universidade Complutense de Madrid o primeiro seminario internacional da serie ‘Literatura mundial e o mundo hispano-falante’. Este primeiro seminario, baixo o título de ‘Literatura mundial: unha visión dende os españois glocais’, contou coa presenza de vinte conferenciantes, como David Damrosch (Harvard University), José Manuel Lucía Megías (Universidad Complutense de Madrid), Goriça Majstorovic (The Richard Stockton College of New Jersey) ou o escritor, periodista e director da Cátedra Vargas Llosa J. J. Armas Marcelo. O seminario tivo por obxectivo participar nas recentes discusións académicas sobre literatura mundial, centrado nun enfoque anglocéntrico, dende a perspectiva do mundo hispano-falante, a partir de aspectos coma tradución, circulación transatlántica, transmedialidade ou recepción mundial da literatura en castelán (singularmente, Cervantes), entre outros asuntos. Contribuíu deste xeito ao desenvolvemento nos estudos comparatistas dunha reflexión allea ata o momento á universidade española: os estudos de literatura mundial.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.03.2014.