A Cátedra Jean Monnet organiza unhas xornadas sobre literatura e migración
A Cátedra Jean Monnet ‘A cultura da integración europea’ da USC organiza para os días 6 e 7 de maio as xornadas ‘Literatura e migración’ que se celebrarán no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades de Santiago de Compostela. A cita, que se estrutura como un foro de encontro entre escritores e interesados no tema, abordará a influencia da migración na creación literaria e contará a experiencia persoal de varios autores. O programa comprende charlas abertas á participación sobre a experiencia da migración, encontros con escritores e cafés literarios, e conferencias nas que expertos analizarán aspectos como as fronteiras políticas e sociais ou a educación na migración. Como parte das xornadas o martes día 6 presentarase a base de datos de escritores en lingua ibérica de Migra. A inscrición é gratuíta, sendo necesario para participar enviar un correo electrónico a migranwriters [at] gmail.com (migranwriters[at]gmail[dot]com) indicando nome, apelidos e NIF. O prazo remata o 5 de maio.