Ir o contido principal

A Cátedra Juana de Vega reunirá a expertos internacionais no estudo das independencias americanas con ocasión do seu bicentenario

A Cátedra Juana de Vega organizará a partir do vindeiro luns 5 e ata o día 8 de xullo na Coruña o congreso ‘Entre imperio e nacións: Iberoamérica e o Caribe ao redor de 1810’. O fin, segundo os seus organizadores, é analizar “o sentido daquel momento tan singular dende unha perspectiva global e atlántica”. O encontro, que coordina a profesora da USC Pilar Cagiao e o profesor da UPV José María Portillo, reunirá a un grupo de moi destacados especialistas procedentes de diversas universidades españolas e americanas para ofrecer unha análise conxunta da experiencia da crise que se viviu na época estudada. En cada unha das catro sesións, as intervencións programadas articúlanse noutros tantos bloques temáticos nos se profundará nas crises dos imperios atlánticos, formas de autonomía e independencia, significado e e consecuencias da independencia, e rebelión e resposta. O programa abrirase cunha conferencia maxistral a cargo do profesor emérito da universidade de California (Berkeley) Tulio Halperin Donghi, que repasará as condicións económicas, políticas e sociais do ano 1810 nunha situación de crise da monarquía Española. A continuación dará comezo a primeira sesión dedicada á crise dos Imperios Atlánticos, na que participarán Brian Hamnett (Esexx University), Joao Paulo Pimenta (Universidade de Sao Paulo), Pedro Pérez Herrero (Universidade de Alcalá de Henares) e Pilar Cagiao Vila (USC) e pecharase cunha conferencia plenaria do secretario da Comisión do Bicentenario de Ecuador, Juan Paz y Miño. A segunda sesión do Congreso estará dedicada ás formas de autonomía e independencia adoptadas polos pobos americanos. Para iso contarase coa participación de Beatriz Rojas (Instituto Mora, México DF), José María Portillo (Universidade do País Vasco), Alfredo Ávila (Universidade Nacional Autónoma de México), Inés Quinteiro (Academia Nacional de Historia de Venezuela) e María Teresa Calderón (Universidade do Externado-Colombia). Finalizará a sesión cunha conferencia de Antonio Annino (Universidade de Florencia) sobre a ‘Disolución de imperios e formación de nacións en perspectiva comparada: de España á Unión Soviética’. A terceira sesión tratará o significado e as consecuencias da independencia e estará a cargo de Frank Moya Pons (Academia Dominicana da Historia), Sergio Guerra Vilaboy, Digna Castañeda Fuertes (ambos da Universidade da Habana) e Carlos Zubillaga Barrera (Universidade da República de Uruguai), para concluír coa conferencia ‘Utopía e desencanto en Hispanoamérica’ que pronunciará Rafael Rojas (Centro de Investigación e Docencia Económicas de Cidade de México). A Cuarta e última sesión centrarase na análise da rebelión e a resposta para o que se contará con achegas de Jean Meyer (Centro de Investigación e Docencia de Cidade de México), Victor Peralta (Instituto de Historia CCHS-CSIC) e Hector Pérez Brignoli (Universidade de Costa Rica). A conferencia de clausura correrá da man de Xosé Ramón Barreiro Fernández (USC) e versará sobre as liñaxes galegas no proceso revolucionario.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.07.2010.