Ir o contido principal

A Cátedra Juana de Vega da USC explora a orixe das tensión territoriais en torno á Constitución de 1812

A Cátedra Juana de Vega da Universidade de Santiago, creada pola Fundación Juana de Vega, organiza entre os días 18 e 20 de xullo no Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña o congreso ‘ Poder e territorio na España do século XIX. Das Cortes de Cádiz á Restauración’ no que os máis destacados especialistas europeos profundarán na cuestión territorial en torno á revolución liberal española. Organizado no ano en que se cumpre o bicentenario da Constitución de 1812, o encontro científico non só analizará o deseño da distribución territorial do poder nas constitucións e no seu desenvolvemento lexislativo senón tamén a súa aplicación efectiva e as actitudes de apoio ou de oposición nas rexións e reinos da Monarquía e as súas relacións coas ideoloxías e cos diversos conxuntos de intereses socioeconómicos. No congreso prestarase especial atención á cuestión territorial no Reino de Galicia así como ás súas circunstancias políticas, sociais e económicas da época e á evolución das tensións territoriais ao longo da historia. Os coordinadores do encontro son os profesores da Universidade de Santiago de Compostela Justo Beramendi e Xosé Ramón Veiga, que integran o comité organizador xunto con Xosé Ramón Barreiro e María Jesús Baz Vicente.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.07.2012.