Ir o contido principal

A Cátedra do Pan e do Cereal, CSIC e Da Cunha impulsan o cultivo de variedades locais de millo panificable

Espigas de millo amarelo da variedade autóctona Tuy. Fotografía cedida polo CSIC
Espigas de millo amarelo da variedade autóctona Tuy. Fotografía cedida polo CSIC
A investigación desenvolvida entre as tres entidades permite identificar as variedades locais de cereal con mellor rendemento agronómico, ao tempo que achega información sobre as propiedades organolépticas e nutricionais das fariñas e dos pans elaborados
Lugo

A Cátedra do Pan e do  Cereal da USC impulsa xunto coa Misión Biolóxica de Galicia do Consello Superior de Investigación Científica e o grupo Panadería Da Cunha a través dun proxecto piloto de recuperación de variedades autóctonas de millo para a obtención de pan de millo de calidade que botou a andar en 2019 con financiamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia.

O pan de millo é un produto tradicional galego que se comercializou desde sempre, aínda que o seu consumo diminuíu pola progresiva desaparición do cultivo de variedades locais. Nesta conxuntura, relata a directora da Cátedra do Pan e do Cereal da USC, a catedrática da USC Ángeles Romero, este proxecto pretende recuperar en Galicia o cultivo de millo autóctono apto para panificación, ao tempo que busca a obtención de fariña de máxima calidade. De feito, na actualidade, a fariña de millo de que se dispón procede de variedades de Francia ou de Portugal, engade o empresario Manuel Da Cunha, para quen a “recuperación de variedades locais de millo antóllase como unha alternativa rendible nos procesos de rotación de cultivos e incluso favorece o consumo de fariñas con baixo índice de glute”.

A selección das variedades de millo más apropiadas para a panificación a partir das calidades agronómicas logo das análises realizadas polo grupo de Xenética da Misión Biolóxica da Graña centrou a primeira fase desta investigación, na que se fixeron ensaios agronómicos en distintas localidades (Ribeira, Carral, Pontevedra (ecolóxico e convencional), Ponte Caldelas, Sarria e, entre outras Xinzo de Limia), nos que se avaliaron 14 variedades galegas de millo amarelo, branco e negro.

Logo deste primeiro estudo, no que se obtiveron resultados positivos das variedades ‘Osoro’ e ‘Tuy’ (millo amarelo), ‘Oubiña’ (negro), así como doutras tres variedades de millo branco, a Cátedra do Pan e do Cereal da USC procedeu á realización de análises físico-químicas e organolépticas dos cereais e, posteriormente, das fariñas obtidas e dos pans elaborados nos obradoiros de Panadería Da Cunha, relata Ángeles Romero.
 
Os primeiros resultados indican que a variedade Tuy presenta moi boa calidade panadeira, ao tempo que sinalan ‘Rebordanes’ entre a poboación de millo branco con mellor comportamento agronómico. Os estudos cualitativos da variedade Oubiña aínda non están rematados, pero os primeiros resultados indican un gran parecido coa variedade de millo negro Carballeira, que ten un menor rendemento agronómico.

A xefa do grupo Xenética e Mellora do Millo da Misión Biolóxica da Graña (CSIC), Rosa Ana Malvar, salienta como principal logro deste proxecto a “elección de variedades de millo de distintas características adaptadas a distintos ambientes”, un feito que, na súa opinión, permitirá diversificar o campo galego e facelo máis rendible e sustentable.

Cultivo ecolóxico

O cultivo ecolóxico das distintas variedades de millo obxecto de estudo nesta actuación ofrece peores rendementos que os obtidos cultivando de forma convencional, precisa Malvar, quen ve necesario optimizar o manexo ecolóxico para acadar producións sostibles e viables no plano económico.

Os resultados acadados no marco deste proxecto e logo de dous anos de traballo chaman ao optimismo, segundo subliñas as tres entidades implicadas, que poñen en valor tanto o coñecemento das características organolépticas, nutricionais e físicas dos pans de millo elaborados ao abeiro deste proxecto, ao tempo que salientan que os resultados xa obtidos constitúen un acicate para fomentar o cultivo de variedades autóctonas de millo panificable e para recuperar a produción e o consumo dun produto tradicional.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.04.2022.