Ir o contido principal

A Cátedra da Pan e do Cereal Dacunha da USC premia o proxecto dunha industria panificadora de pan precocido sen gluten

De esquerda a dereita, Fernando Almedia, Ángeles Romero, Manuel Dacunha, Montserrat Valcárcel e Santiago Pereira, no edificio Cactus de Lugo
De esquerda a dereita, Fernando Almedia, Ángeles Romero, Manuel Dacunha, Montserrat Valcárcel e Santiago Pereira, no edificio Cactus de Lugo
Un estudo sobre o pan e a poboación sénior e outro TFG que avalía a incidencia das sombras no cultivo de cereais tamén resultaron galardoados na segunda edición destes galardóns
Lugo

A Cátedra do Pan e do Cereal da USC, promovida en colaboración co Grupo Dacunha, distingue na segunda edición dos premios convocados para galardoar os Traballos Fin de Grao ou Traballos Fin de Máster que poñan en valor os cereais e o pan tradicional, o proxecto dunha panificadora de pan precocido conxelado para celíacos presentado por Roberto López Toja e localizado no polígono coruñés de Alvedro.

A  candidatura presentada por este graduado en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, mención en Industria, no Campus de Lugo da USC e recollida no TFG tiulado ‘Panificadora de pan precocido conxelado para celíacos, produción de 4.000 quilos día situado no polígono de Alvedro’, mereceu o favor do xurado dos II Premios da Cátedra do Pan e do Cereal da USC, do que formaron parte a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo da USC, Montserrat Valcárcel Armesto, o xerente do Grupo Dacunha, Manuel Dacunha Pereira, o técnico da referida empresa, Fernando Almeida, e os catedráticos da USC Mª Ángeles Romero Rodríguez e Santiago Pereira Lorenzo, coordinadora e integrante da Cátedra do Pan e do Cereal Dacunha da USC.

Os membros do xurado, que destacaron a calidade científica dos Traballos Fin de Grao e Traballos Fin de Máster presentados a esta convocatoria, acordaron outorgar os 1.000 euros do primeiro premio a proposta empresarial trasladada por Roberto López Toja, unha dotación económica que se complementa coa posibilidade de gozar dun contrato laboral durante un período de seis meses nas factorías do Grupo Dacunha.

O proxecto de deseño desta industria de pan precocido conxelado libre de gluten, que contempla unha liña de produción duns 4.000 quilos de pan ao día, contempla entre as súas novidades, rigorosos mecanismos de control durante todo o proceso de elaboración do pan, desde a moenda do cereal, a fase de amasado do pan, cocido e distribución, que reportan maiores garantías cara ao consumidor. O xurado valorou asemade a aposta pola calidade do produto final dun proxecto que desenvolve unha serie de técnicas innovadoras aplicadas ao método tradicional de panificación, como é o emprego de masa madre.

López  Toja expón asemade no seu TFG unha serie de documentos relacionados co proceso de edificación e construción da industria, nos que se advirte máximo respecto a parámetros relacionados coa seguridade e a saúde, residuos de construción e planos, nos que aparecen acotadas todas as actuacións a realizar.

Outros galardóns

A Cátedra do Pan e do Cereal Dacunha USC tamén acordou distinguir co segundo premio desta convocatoria o TFG presentado por Javier Cancela Rodríguez , alumno do grao en Nutrición Humana e Dietética, baixo o título ‘Pan e poboación sénior’. O autor desta proposta, que recibirá un agasallo en metálico de 500 euros, aborda no seu TFG un estudo orientado a coñecer a opinión do pan entre a poboación sénior de Galicia. Este traballo está estruturado en máis de 150 enquisas persoais con cuestionario previamente deseñado e validado no que se interpela sobre hábitos de consumo de pan, cambios experimentados ao longo da vida, coñecementos sobre a composición, efectos sobre a saúde...

Unha das conclusións do traballo desenvolvido por Cancela Rodríguez é a que constata a necesidade da figura do Dietista Nutricionista para informar, asesorar e, se cabe, educar en termos nutricionais á sociedade, dado que se aprecian erros de percepción. Este estudo permite asemade observar un deterioro xeneral das características e da calidade del pan, que segue a mercarse en panaderías e cuxo consumo medio diario é de 81,33 gramos.

O terceiro premio outorgado nesta convocatoria pola Cátedra do Pan e do Cereal Dacunha da USC, un galardón dotado con 250 euros en metálico, recaeu no tamén graduado en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria na EPSE Rafael Abad Trasancos, polo TFG titulado ‘Avaliación do desenvolvemento de distintas especies e variedades de cereal baixo diferentes condicións de sombra’.

Abad Trasancos avalía neste estudo o efecto que produce a sombra proxectada do extracto arbóreo sobre o desenvolvemento de cultivos de cereal, implantados nas rúas que separan as liñas de arborado, a través da simulación de dita situación mediante o emprego de distintos intervalos de intensidade de luz no cultivo de diversas especies e variedades de cereal no invernadoiro. O obxecto deste traballo, no que se avaliaron diferentes variedades de especies coma o millo, o trigo ou o centeo, pasa por seleccionar as especies e variedades máis acaídas para desenvolver estas prácticas no exterior para a implantación dun sistema agroforestal con elas.

Cerimonia de entrega

Unha vez fallados os II Premios da Cátedra do Pan e do Cereal da USC, as persoas que resultaron galardoadas nesta edición recibirán os seus correspondentes premios o vindeiro luns 16 de decembro, no marco dunha cerimonia de entrega que se desenvolverá a partir das 12.00 horas na Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo.