Ir o contido principal

A Cátedra do Pan e do Cereal da USC celebra un foro sobre trigo e outros cereais o 4 de xullo na Casa do Saber do Campus Terra

Ángeles Romero, directora da Cátedra do Pan e do Cereal do Campus Terra da USC
Ángeles Romero, directora da Cátedra do Pan e do Cereal do Campus Terra da USC
A inscrición para tomar parte nesta xornada é de balde e as persoas interesadas poden confirmar asistencia a través do enderezo electrónico ramon.mazoy.fernandez@usc.es

A Cátedra do Pan e do Cereal do Campus Terra da USC celebrará o vindeiro 4 de xullo, a partir das 16.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, un foro aberto no que distintos relatores tratarán de responder a algunhas das cuestións que centran a actividade e o cometido da primeira cátedra científica ligada ao Campus Terra da USC, unha iniciativa que conta con financiamento do grupo Panadería Da Cunha e que está dirixida pola catedrática da USC Ángeles Romero Rodríguez.

Esta xornada, a través da que tamén se busca remarcar o carácter interdisciplinar da Cátedra do Pan e do Cereal da USC, comezará cun primeiro coloquio sobre cuestións ligadas ás propiedades da terra, así como ao cultivo ecolóxico de cereais, rotacións de cultivos e ecotipos autóctonos, no que intervirán Agustín Merino, Xan Neira Seijo, Luis Urquijo Zamora e Fernando Almeida.

O cometido dos cereais na sociedade actual centrará de seguido as intervencións de Pablo Ramil, Carlos Otero e Mar Pérez Fra, relatores que afondarán sobre a orixe dos cereais galegos, así como da relación entre biodiversidade e agricultura e mesmo da perda de terra empregada para usos agrarios.

Unha ollada sobre a relevancia do pan na actualidade, a través dos testemuños de diversos investigados do ámbito da nutrición e da tecnoloxía dos alimentos, así como doutros procedentes do ámbito da Química; a opinión das persoas que participan nos procesos de elaboración de pan, así como os testemuños dos consumidores e tamén dos informadores e xeradores de opinión pública, completan o programa da xornada que se celebrará o 4 de xullo e para a que xa está aberta a inscrición.

A matrícula neste foro de debate é libre e de balde ata completar un aforo máximo de 75 persoas. O público interesado pode formalizar a súa inscrición a través do enderezo de correo electrónico ramon.mazoy.fernandez [at] usc.es (ramon[dot]mazoy[dot]fernandez[at]usc[dot]es). As solicitudes deben incluír nome e apelidos da persoa interesa, así como a súa dirección postal, teléfono, enderezo electrónico e nome da empresa ou entidade á que representa ou pertence.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.06.2017.