A Cátedra do Pan e do Cereal Da Cunha da USC e o CSIC impulsan o cultivo de variedades autóctonas de millo aptas para panificar

A Cátedra do Pan e do Cereal Da Cunha, promovida pola USC e o grupo de panaderías Da Cunha, colaborará coa Misión Biolóxica de Galicia, dependente do Consello Superior de Investigacións Científicas no desenvolvemento do proxecto de investigación ‘Variedades autóctonas de calidade para a obtención de pan de millo de calidade’, segundo se recolle no acordo asinado este mércores na Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo polo reitor da USC, Antonio López Díaz, a directora da Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC), María Elena Cartea, e o xerente e propietario do grupo Da Cunha, Manuel Da Cunha.
O obxectivo desta liña de colaboración, que “constitúe un exemplo de transferencia de coñecemento cara a sociedade”, salientou o reitor Antonio López, pasa por avanzar na promoción e no desenvolvemento do cultivo e dos usos do millo producido en Galicia. Este ambicioso cometido rexe as diversas actuacións científicas e tecnolóxicas contempladas no plan de traballo establecido neste acordo entre a Cátedra do Pan e do Cereal Da Cunha da USC e o CSIC e cuxo obxectivo último é o de favorecer e potenciar o cultivo de millo panificable. Este abano de accións previstas nunha fase inicial poderían ampliarse a medio ou curto prazo entre as tres entidades implicadas a través da sinatura de novas adendas a este acordo, que nace coa vixencia dun ano, segundo explicou a catedrática da Área de Tecnoloxía de Alimentos da USC e directora desta Cátedra universitaria do Campus de Lugo, María Ángeles Romero Rodríguez.
Os primeiros pasos a seguir en virtude deste acordo pasan pola elección e posterior establecemento de dúas parcelas de ensaio en zonas diferenciadas das provincias de Lugo e Ourense. Unha vez seleccionados os emprazamentos, o grupo empresarial Da Cunha en colaboración cos agricultores propietarios procederá a realizar as instalacións necesarias para que as parcelas de ensaio se aproximen na medida do posible as plantacións de millo tradicionais, aínda que cun deseño apto para a toma de datos e outros labores experimentais, unha tarefa da que se ocupará persoal da Misión Biolóxica de Galicia, así como da Cátedra do Pan e do Cereal e do propio grupo Da Cunha. Nunha fase posterior procederase á achega da semente de dous ecotipos (Tuy e Rebordanes), previamente seleccionados pola MBG-CSIC. A estas sementes engadiráselles adicionalmente dúas variedades comerciais de millo de referencia e coas que xa traballa na actualidade o grupo Da Cunha.
O acordo asinado este mércores establece asemade que o grupo Da Cunha será o responsable de dispor dos medios necesarios para que o cultivo non presente limitacións no crecemento, de tal xeito que os xenotipos empregados poidan expresar o mellor fenotipo acorde coas condicións medioambientais, segundo relatou a profesora Ángeles Romero.
A directora da Cátedra do Pan e do Cereal Da Cunha explicou asemade que os traballos de toma de datos e análise das referentes ao crecemento do millo, seguindo a súa fenoloxía, así como outros parámetros relacionados coas sensibilidades a pragas, enfermidades ou datos de produción corresponderán ao persoal das tres entidades asinantes dun acordo que pretende impulsar a panificación do millo, un proceso do que se ocupará o grupo de panaderías Da Cunha, responsable tamén dos procesos de moído e da propia elaboración da fariña.
Unha vez elaborado o pan de millo, o grupo Da Cunha e Cátedra do Pan homónima procederán a realizar as análises dos aspectos tecnolóxicos e das características organolépticas do produto final a través do panel de catadores previamente adestrado na Cátedra, segundo se puxo de manifesto neste acto de sinatura dun acordo pioneiro a prol da elaboración de pan de millo, no marco dunha sesión na que tamén participaron a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto; o delegado institucional do CSIC en Galicia, Antonio De Ron Pedreira, ademais de Rosa Malvar Pintos, responsable deste proxecto por parte da MBG-CSIC, e outros investigadores participantes.
O reitor da USC, no centro con responsables das entidades implicadas neste acordo e investigadores implicados no proxecto de panificación de millo