Ir o contido principal

A Cátedra Rosalía de Castro inaugurou a súa actividade académica cun simposio sobre a vida e as biografías da escritora

A inauguración presidiuna en Filoloxía o reitor Antonio López. Foto: Santi Alvite
A inauguración presidiuna en Filoloxía o reitor Antonio López. Foto: Santi Alvite
'Vida, biografías, bioficcións' desenvólvese do 28 ao 30 de abril en Filoloxía
Santiago de Compostela

Vida, biografías, bioficcións é o título do primeiro simposio que organiza a Cátedra Rosalía de Castro da USC, que botou a andar este mes de abril con varias iniciativas culturais. O encontro desenvólvese ata o 30 de abril no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da USC.

A inauguración do encontro científico presidiuna o reitor Antonio López e contou coa participación do decano da facultade anfitrioa, Elias J. Feijó Torres, e da co directora e co director da Cátedra, María do Cebreiro e Fernando Cabo. A continuación, Francisco Rodríguez deu comezo ás sesións académicas coa conferencia inaugural Rosalía de Castro: unha biografía asombrada, unha obra luminosa.

O simposio estrutúrase en tres paneis e catro mesas redondas, ademais de dúas conferencias. Biografía e construción autorial da escritora; Novidades biográficas no estudo da súa figura e o Fondo María Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda da USC son as temáticas dos paneis. Pola súa banda, as mesas de debate tratarán a Rosalía no cine e a Rosalía ilustrada, celebridades literarias galegas no biopic contemporáneo e bioficcións rosalianas neste século, con atención a poesía, teatro e narrativa.

O programa do encontro complétase cunha conferencia do director da Casa Rosalía, Anxo Angueira, e a clausura a cargo do profesor Xesús Alonso Montero sobre o arquivo rosaliano de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda.

Actividades complementarias 
Paralelo a este encontro científico, o Salón Teatro de Compostela acolle a representación da peza teatral Rosalía, cartografía de ásperas ortigas, con dirección, texto orixinal e dramaturxia de Roberto Salgueiro, director da Aula de Teatro da USC.

Ademais, permanece aberta a exposición Rosalía en Fonseca, unha actividade da Cátedra en colaboración co Museo de Historia Natural. Con ocasión da mostra, a Biblioteca Xeral preparou na Sala de lectura un centro de interese arredor da obra de Rosalía de Castro. A exposición amosa algúns materiais especialmente valiosos do Fondo María Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda: cadernos, primeiras edicións e obxectos de coleccionismo rosaliano entre eles.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.04.2025.