Ir o contido principal

A Cátedra Unesco sobre Migracións organiza un coloquio internacional sobre a emigración no cine

Os diversos enfoques e tratamentos da emigración no cine analizaranse nun coloquio internacional que organiza a vindeira semana a Cátedra Unesco sobre Migracións da USC. A inauguración do encontro terá lugar o 22 de novembro na Facultade de Xeografía e Historia nun acto no que o catedrático de Historia Moderna Antonio Eiras Roel pronunciará unha conferencia sobre as grandes migracións da transición demográfica.
O coloquio continuará o venres 23 con relatorios sobre cuestións relacionadas coa imaxe do emigrante e do turismo no NO-DO, as grandes correntes migratorias e o seu reflexo cinematográfico, o tratamento da emigración española no cinema latinoamericano e as migracións e o cine en Portugal, entre outros.
Participarán nesta xornada expertos das Universidades de Santiago de Compostela, Complutense de Madrid, Valencia,Alacante, Vigo e Aberta de Lisboa, así como do Instituto de Estudios Valdeorreses e da televisión de León.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.11.2007.