A Cátedra Unesco sobre Migracións organiza un coloquio internacional sobre a emigración no cine
Os diversos enfoques e tratamentos da emigración no cine analizaranse nun coloquio internacional que organiza o xoves 22 e o venres 23 a Cátedra Unesco sobre Migracións da USC. A inauguración do encontro terá lugar este xoves 22 ás 19:00 horas no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia nun acto presidido polo vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández Prieto. Deseguido, o catedrático de Historia Moderna Antonio Eiras Roel pronunciará unha conferencia sobre as grandes migracións da transición demográfica.
O coloquio continuará o venres 23, na Aula 10 da mesma facultade en horario de 9:00 a 14:00 e de 16:30 a 21:00 horas, con relatorios sobre cuestións relacionadas coa imaxe do emigrante e do turismo no NO-DO, as grandes correntes migratorias e o seu reflexo cinematográfico, o tratamento da emigración española no cinema latinoamericano e as migracións e o cine en Portugal, entre outros.
Participarán nesta xornada expertos das Universidades de Santiago de Compostela, Complutense de Madrid, Valencia, Alacante, Vigo e Aberta de Lisboa, así como do Instituto de Estudios Valdeorreses e da televisión de León.