Ir o contido principal

A Cátedra Valente da USC colabora no simposio en homenaxe ao poeta ourensán

A USC colabora na organización, entre os días 23 e 25, do seminario ‘José Ángel Valente: Memoria sonora’, que se celebrará en Ourense, a súa cidade natal, cando se cumpren 80 anos do nacemento do poeta. O acto inaugural correrá a cargo do escritor Claudio Rodríguez Fer, tamén director da Cátedra Valente da USC, onde se gardan o arquivo e a biblioteca doados polo autor ourensán. Tras o seu relatorio, intervirán investigadores de numerosas universidades do mundo, dende a de Yale á de Berlín, así como diversos poetas que recitarán as súas propias creacións.
Un dos obxectivos desta homenaxe é outorgarlle a Valente o recoñecemento da súa cidade natal, así como dos diferentes lugares onde residiu ao longo da súa vida, entre elas Santiago de Compostela, onde estudou. Durante o simposio, o músico Mauricio Sotelo, Premio Nacional de Composición, estreará unha obra musical dedicada a Valente, e o acto de clausura consistirá nun recital poético a cargo de Antonio Gamoneda, Premio Cervantes.
O evento está organizado pola Deputación, o Concello e o Campus Universitario de Ourense coa colaboración do Círculo de Lectores (editorial das súas Obras Completas) e da Cátedra Valente da Universidade de Santiago de Compostela, que xa conmemorou o aniversario editando os ensaios sobre Valente escritos por Juan Goytisolo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.09.2009.