Ir o contido principal

A catedrática brasileira Yara Frateschi traballa en Santiago nun estudo sobre as orixes da lírica medieval galego-portuguesa

Yara Frateshi, á dereita, xunto con Isabel Morán e José António Souto
Yara Frateshi, á dereita, xunto con Isabel Morán e José António Souto

Durante estes días atópase na Universidade de Santiago a catedrática de literatura portuguesa da Universidade Estadual de Campinas (São Paulo) Yara Frateschi Vieira, especialista no ámbito da literatura medieval galego-portuguesa e recoñecida divulgadora das letras galegas no Brasil. Na súa obra En cas dona Maior. Os trovadores e a corte senhorial galega no século XIII (1999) a autora subliña o importante papel da corte nobiliaria dos Trava na consolidación da lírica galego-portuguesa, nomeadamente da de D. Rodrigo Gomes da Trava e a súa esposa. Hai dous anos, xunto cos docentes da USC M. Isabel Morán Cabanas e José António Souto Cabo publicou O amor que eu levei de Santiago. Roteiro da lírica medieval galego-portuguesa, que constitúe o primeiro itinerario compostelano da poesía trobadoresca no que, a través da poesía, se percorren os puntos da cidade de Santiago (e dos concellos limítrofes de Teo e Brión) vinculados á biografía e á produción literaria de trobadores e xograres da Idade Media. Neste momento Yara Frateschi, xunto con Isabel Morán e José António Souto, ocúpase da preparación dunha obra que será publicada a comezos do próximo ano no Brasil sobre as orixes e os percursos da lírica medieval galego-portuguesa. Esta obra tamén terá a cidade de Santiago de Compostela como punto de partida e de referencia, mais serán agora incluídos outros autores non recollidos no volume anterior e ofrecerase nova información tanto sobre aspectos de carácter histórico-documental como con relación á interpretación das cantigas. Entre outras recentes publicacións de Yara Frateschi Vieira atópase a edición galego-luso-brasileira das Glosas Marginais ao Cancioneiro Medieval Português de Carolina Michaelis de Vasconcelos, que levou a cabo xunto cos docentes da USC José Luís Rodríguez, Isabel Morán Cabanas e José António Souto Cabo e na que tamén participaron a Universidade de Coímbra e a Unicamp. Este traballo forma parte do conxunto de estudos de Yara Frateschi Vieira sobre as contribucións da recoñecida filóloga luso-alemá ás orixes literarias na nosa lingua. De feito, a profesora brasileira foi unha das responsables da exposición que se organizou en São Paulo ‘ Carolina Michaelis. Vida e obra’ que foi posible visitar tamén na Biblioteca Pública Municipal do Porto e na Universidade de Santiago en 2010. Ademais, a través da reedición crítica de traballos doutras figuras tamén especialmente interesadas no estudo das orixes das manifestacións literarias en lingua portuguesa como Henri Lang e Oskar Nobiling, continuou Frateschi o labor de ir delineando con exactitude o perfil de grandes investigadores no campo da filoloxía para unha xusta apreciación dos mesmos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.07.2014.