Ir o contido principal

A catedrática Eva Castro achega unha nova interpretación da 'Eneida' de Virxilio

A súa investigación acaba de ver a luz na revista Hermes, publicación de máximo recoñecemento internacional, sendo a primeira investigadora española que o consigue

Unha investigación da catedrática de Filoloxía Latina da USC Eva Castro vén rebater a opinión dalgúns estudosos virxilianos respecto de determinados episodios do libro V da Eneida. Fronte estudos aceptados dende hai de máis de 2.000 anos, para Eva Castro o libro Vé un texto “totalmente acabado e ben pulido por parte de Virxilio”.
A investigadora apunta que os ata agora considerados como erros son en realidade “motivos poéticos que están tomados nin máis nin menos que do propio Homero” permitindo unha descrición dos acontecementos dende unha dobre perspectiva, a humana dos protagonistas da epopea e a divina que vai guiando os seus pasos ata a fundación de Roma.
Primeira investigadora española en HermesA investigación desenvolvida por Eva Castro ademais de realizar achegas sobre un dos autores máis lidos e estudados da Filoloxía Latina, valeulle á súa autora o recoñecemento de ser a primeira investigadora española que publica na revista Hermes. Zeitschrift für Klassische Philologie. Trátase dunha publicación alemá de máximo recoñecemento internacional, sendo no campo da Filoloxía “o que as revistas Science ou Nature no ámbito das ciencias”, explica a autora.
Aparecida en 1866, nesta revista teñen publicado os mellores especialistas no campo da Filoloxía Clásica, tanto europeos como americanos. Ata o momento unicamente outros catro investigadores españois, entre eles Ramírez de Verger ou Luis Rivero, viron os seus traballos publicados nesta revista.
O nivel de esixencia dos editores de Hermes está considerado como moi elevado, cun proceso de selección “extremadamente rigoroso”, sinala Eva Castro. Fronte a outras disciplinas, en todas as grandes revistas europeas ou americanas do ámbito da Filoloxía Clásica unha vez que o traballo é aceptado para a súa publicación, “a espera para que salga á luz o artigo é de dous anos”, engade a catedrática. A elo hai que sumar que o número de orixinais recibidos por estas publicación é moi elevado, “pero só uns poucos os admitidos”.
Eva CastroCatedrática de Filoloxía Latina dende 2002, dirixe o Departamento de Latín e Grego dende 2004. Ademais é avaliadora das axencias de calidade dos sistemas andaluz e catalán e revisora de revistas científicas internacionais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.03.2010.