A catedrática Isabel González Fernández recibe a homenaxe da Área de Italiano

O reitor Juan Viaño presidiu este venres a homenaxe que a Área de Italiano do Departamento de Filoloxía Francesa e Italiana lle rendeu á catedrática Isabel González Fernández polos máis de corenta anos de dedicación á institución compostelá, e particularmente polo seu labor de impulso á creación da área de italiano na USC.
A homenaxe, na que se entregou á homenaxeada un libro conmemorativo, comezou no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e nela interviñeron as co editoras do libro, a profesora da Universidade de Córdoba Carmen Blanco Valdés e Ana Mª Domínguez Ferro, da USC; o catedrático de Filoloxía Románica da Università de Milano, Alfonso D’Agostino; o director do Departamento de Filoloxía Francesa e Italiana, Benedict Buono; a decana da Facultade de Filoloxía, Mª José López Couso; e a propia homenaxeada.
Na homenaxe, o reitor destacou “o enorme valor humano” de quen en 1988 se converteu na primeira catedrática española de Filoloxía Italiana, “foi capaz de ver moito máis alá da ciencia para explicarnos dun xeito tan claro que a universidade é un modo de vida que fai ás persoas máis cultas, máis informadas e, polo tanto, máis libres”. Recoñecida como unha das maiores expertas no mundo en Literatura Medieval e Lexicografía italianas.
Como lembrou Viaño, tras a obtención da cátedra, os esforzos de Isabel González estiveron centrados na conformación dun grupo de investigadores/as que permitiu crear unha escola coa que “ colmou unha das súas grandes aspiracións científicas e académicas: a posta en marcha da lienciatura en Filoloxía Italiana da USC en 1992”. Abundando neste senso, o reitor sinalou tamén a capacidade da homenaxeada para formar un “equipo sólido e rigoroso no mundo dos estudos italianos”, algo “só se consegue se se transmite honestidade, profesionalidade e humanismo a cada unha das persoas que decidiron traballar con ela”.
A súa dedicación á filoloxía italiana e a súa dilatada traxectoria en prol da italianística dende a presidencia da Sociedade Española de Italianistas, valéronlle a Isabel González a condecoración en 2005 do título de Cavalliere dell’Ordine della stella della Soliedarietà que outorga a presidencia da República Italiana a cidadáns estranxeiros que actuasen decididamente a prol da difusión da cultura italiana. A este recoñecemento, o reitor sumou o desenvolvemento dunha “ brillante carreira docente e investigadora” e o desempeño “con moita eficacia” dos cargos de directora de departamento e de decana da Facultade de Filoloxía.