Ir o contido principal

A catedrática Maite Flores, recoñecida co Fellow da Sociedade Europea de Óptica

Maite Flores, no momento de recoller o recoñecemento
Maite Flores, no momento de recoller o recoñecemento
Polo seu labor investigador e a súa contribución aos avances da ciencia no eido internacional
Santiago de Compostela

A catedrática de Óptica da USC Maite Flores acaba de ser distinguida pola Sociedade Europea de Óptica co máximo recoñecemento que outorga, do que só dez mulleres foron quen de acadalo. A adxudicación do EOS Fellow, que recoñece a súa labor investigadora e a súa contribución aos avances da ciencia no eido internacional, recae en menos do 2% do persoal investigador do eido da Óptica e a Fotónica.

As persoas nomeadas a esta mención deben destacar pola súa excelencia en tres vertentes profesionais: ter realizado contribucións académicas ou de investigación industrial destacadas no ámbito da óptica e a fotónica, ter servido á comunidade e ter realizado unha contribución especial á propia Sociedade Óptica Europea ou a unha das súas sociedades ou ramas afiliadas.

A profesora Maite Flores cumpre os tres requisitos establecidos pola Sociedade xa que gran parte da súa actividade científica se centrou na óptica difractiva, a optoelectrónica, a microóptica, a óptica GRIN e a óptica non lineal e delas publicou máis de 200 artigos en revistas revisadas por pares, indexados no JCR (Q1), ademais de ser conferenciante convidada en máis de 40 congresos.

Na transferencia de coñecemento á industria, con catro patentes no seu haber, fundou no 2020 unha empresa derivada dedicada aos órganos nun chip fabricados por láser, co fin de reducir o número de experimentos con animais, e dedicou os seus esforzos á fundación da segunda instalación de láser con máis enerxía en España (L2A2), sendo nestes momentos a súa coordinadora científica. Flores Arias é tamén coordinadora do grupo de investigación Photonics4Life da USC, recoñecido no 2019 co Premio de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia.

Maite Flores foi a primeira muller que ostentou o cargo de presidenta do Comité de Optoelectrónica Español, que integra aos expertos en comunicación e tecnoloxías de alta xeración, e foi vicepresidenta do Comité Español de Técnicas de Imaxe. Actualmente é vicepresidenta da Sociedade Española de Óptica. Organizou máis de 10 congresos no ámbito internacional e nacional en temáticas de optoelectrónica, imaxe non lineal e óptica e participa nos comité científicos dos congresos internacionais máis recoñecidos do seu ámbito de coñecemento. Foi ademais a responsable do Evento Central en España para celebrar o Ano Internacional da Luz (Santiago, 2019).

En canto á súa contribución á Sociedade Europea de Óptica, participou da súa xunta directiva desde 2020 ata 2024 ocupando o cargo de secretaria da xunta executiva ata 2023, e foi a presidenta do Comité do Premio EOS ás Mulleres en Fotónica en Early Career 2021. É ademais membro da Real Sociedade de Física e en 2021 a Sociedade Americana de Óptica recoñeceuna, pola a súa contribución ao avance da ciencia, coa distinción de Membro Sénior.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.09.2025.