Ir o contido principal

A catedrática Patrocinio Morrondo, elixida a muller máis influente en Saúde Animal e Veterinaria de España en 2025

Patrocinio Morrondo é profesora do Campus de Lugo. FOTO: Santi Alvite
Patrocinio Morrondo é profesora do Campus de Lugo. FOTO: Santi Alvite
O recoñecemento premia a profesora do Campus de Lugo da USC por ser unha das persoas “máis relevantes do sistema universitario español”

Lugo

A catedrática da área de Sanidade Animal da USC e profesora da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo, Patrocinio Morrondo Pelayo, acaba de ser elixida a muller máis influente en Saúde Animal e Veterinaria de España en 2025. O pasado 8 de marzo, con motivo do Día Internacional da Muller e seguindo unha xa consolidada tradición, a publicación dixital Animal’s Health lanzou a terceira edición do Premio ‘Muller do Ano’. Esta iniciativa ten como obxectivo outorgar visibilidade ao talento feminino no sector veterinario e da saúde animal, destacando a mulleres referentes que poidan servir de inspiración para as novas xeracións. Na convocatoria deste ano, o premio decidiuse tras unha axustada votación na que participaron miles de lectores do xornal.

O recoñecemento que acaba de darse a coñecer premia a profesora Morrondo por ser unha das mulleres “máis relevantes do sistema universitario español” e que “dedicou a súa vida á docencia, máis concretamente á rama de ciencias veterinarias e biolóxicas”. O galardón será entregado durante a cerimonia da cuarta edición dos Premios Saúde Animal e Veterinaria de España.

Traxectoria 

Patrocinio Morrondo é licenciada en Veterinaria e Ciencias Biolóxicas, e tamén diplomada polo Colexio Europeo de Parasitoloxía Veterinaria. Actualmente é catedrática da área de Sanidade Animal na Facultade de Veterinaria de Lugo. Ao longo da súa dilatada carreira, Morrondo foi, durante varios mandatos, presidenta da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG). Tamén foi avaliadora da Axencia Nacional de Avaliación e Acreditación (ANECA), do Ministerio de Educación, Ciencia e Innovación, así como avaliadora de revistas científicas indexadas.

A todo iso hai que sumarlle que Morrondo foi elixida a finais do ano 2019 membro do Comité Asesor sobre Infraestruturas Únicas (CAIS) do Comité Executivo do Consello de Política Científica, Tecnolóxica e de Innovación do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Doutra banda, Morrondo tamén é a primeira académica de número electa da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.04.2025.