O catedrático alemán Johannes Kabatek impartirá en Lugo unha conferencia sobre a lingua española
O catedrático de Lingüística Románica na Universidade de Tubinga, Alemania, Johannes Kabatek, intervirá este mércores 16 como conferenciante na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo para falar sobre os ‘Novos rumbos da sintaxe histórica do español’, acto enmarcado no VIII Congreso Internacional de Historia da Lingua Española.
A actividade científica de Kabatek está especialmente ligada á lingüística histórica hispánica e á situación actual do galego. Tamén é autor de diversos libros como Os falantes como lingüistas; tradición, innovación e interferencias no galego actual, entre outros.
O relatorio comezará ás 11:30 horas no Salón de Actos do centro lugués. Pola tarde, os asistentes aproveitarán a xornada no Campus de Lugo para realizar unha visita por diferentes zonas da provincia.
O obxectivo deste congreso internacional, que se desenvolverá na USC ata o día 18 e que conta coa participación de preto de cincocentos participantes, é converterse no foro por excelencia da lingüística histórica da lingua española.
Este é o primeiro ano que a Universidade compostelá se converte na sede deste evento, desde a súa creación en 1987, ano no que xurdiu como mostra do notable desenvolvemento que a investigación da lingua española acadou na súa perspectiva histórica nas universidades, tanto do mundo hispano como do resto do mundo.