Ir o contido principal

O catedrático Ángel Carracedo clausura este sábado o IV Congreso Internacional de Atención Temperá e Educación Familiar

O catedrático de Medicina Legal da USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica falará sobre a xenética dos trastornos psiquiátricos en idade infantil e xuvenil

O catedrático de Medicina Legal e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, Ángel Carracedo, será o encargado de clausurar a IV edición do Congreso Internacional de Atención Temperá e Educación Familiar que se está a celebrar en Santiago dende o xoves. Será este sábado 12 de setembro no Pazo de Fonseca a partir das 12:30 horas, nunha conferencia na que indicirá sobre a xenética dos trastornos psiquiátricos en idade infantil e xuvenil. Tras o acto de clausura realizarase un emotivo acto de entrega de premios da Unidade de Atención Temperá que estará presidido pola Valedora do Pobo, Milagros Otero, e no que se premiará, entre outros, a unha nai antiga usuaria da Unidade, Elisa Tojo. Pecharase así un congreso que dende o xoves reúne máis de 400 investigadores de todo o mundo do ámbito da atención temperá e educación familiar e no que interviñeron profesionais como o presidente da Federación Estatal de Profesionais de Atención Temperá, Juan Carlos Bela; o pedagogo e criminólogo Vicente Garrido; o director do Instituto de Enfermidades Raras do Instituto Carlos III de Madrid, Manuel Posada, entre outros. A USC, á “vangarda científica e intelectual” neste ámbito A inauguración correu a cargo do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen situou á Universidade de Santiago á “vangarda científica e intelectual” no campo da atención temperá e educación familiar e recordou a creación da Unidade de Atención Temperá como un “fito fundamental para a USC que supuxo “un antes e un despois” para a institución neste ámbito. No acto tamén estiveron presentes o reitor, Juan Viaño; a presidenta do comité organizador, a profesora María José Buceta; o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, ou o conselleiro técnico do Real Patronato, Rafael de Musitu.

O Congreso Internacional de Atención Temperá e Educación Familiar (Ciatef15) está organizado polo Grupo de Investigación Esculca e a Unidade de Atención Temperá e conta como presidentes do comité organizador cos profesores Miguel A. Santos Rego e María José Buceta, e como como coordinadora xeral a profesora Mar Lorenzo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.09.2015.