O catedrático Carlos Villanueva recupera a figura do prolífico intelectual galego Said Armesto

O pasado 17 de xullo cumpriuse o centenario do pasamento do que foi o primeiro catedrático en España de Literatura galego-portuguesa, Víctor Said Armesto (Pontevedra 1871- Madrid 1914), que destacou ademais pola súa intensa relación coa literatura, a música e a etnografía. Aproveitando esa data, o catedrático da USC Carlos Villanueva e o seu equipo de investigación ‘ Fondos documentais de música nos arquivos civís de Galicia’ prepararon un amplo programa de actividades e eventos, entre os que destaca o volume Said Armesto. Una vida de romance dedicado á súa orientación musical e de experto no romanceiro galego así como ao estudo da literatura popular de Galicia na relación con outros ciclos medievais, tarefa que desembocaría no acceso á primeira Cátedra de Literatura galego-portuguesa. O libro estuda tamén outros aspectos da súa afección musical como a participación no coro Aires da Terra, a colaboración con Sampedro, as súas actividades no Ateneo ou a preparación, composición e estrea de La flor del agua. A publicación, co editada coa Xunta de Galicia e o Consorcio de Santiago, presentouse este mércores en San Xerome nun acto no que participaron o reitor da USC, Juan Viaño; oconselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; a concelleira de Cultura e Patrimonio, María Ángeles Antón; e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. O groso da presentación correspondeulle ao autor, o catedrático de Historia da Música Carlos Villanueva,experto en música e interpretación medieval, que alcanzou co seu grupo In Itinere da Universidade de Santiago os Premios Nacionais de discografía en 1984 e 1986, así como o prestixioso galardón Galegos do Mundo (2002). Foi tamén corresponsable do proxecto de Construción dos Instrumentos do Pórtico da Gloria (1989-1994). Villanueva confesou que se sentiu fascinado dende o primeiro momento coa figura de Said Armesto, un persoeiro que non gozou nunca en Galicia da relevancia que lle correspondería. Á súa morte, indicou, as obras que tiña preparadas “desapareceron ou foron editadas tarde e mal” e “ ninguén se faría eco da súa curta pero intensa vida de estrela fugaz do pensamento español e galego de principios do século XX que tería sido para Galicia unha ponte entre intelectualidade e modernidade, como escribiu Carballo Calero”. A monografía permite así recuperar unha personaxe “imprescindible” no seu papel de precursor “ dos grandes movementos galeguistas dos anos vinte do pasado século como a xeración Nós ou o Seminario de Estudos Galegos”, salientou o reitor no acto de presentación do libro que para o conselleiro “sitúa en tempo presente a dimensión intelectual e humana de Said Armesto”. Said Armesto Víctor Said Armesto foi continuador dunha estirpe de pensadores que transitaron en Galicia no republicanismo máis radical do Sexenio Democrático. Colaborador estreito de Casto Sampedro na Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, foi elixido entre os dez primeiros intelectuais que se convocaron en 1905 –baixo a presidencia de Manuel Murguía– para constituír a Academia Galega. Xornalista, folklorista, filólogo, filósofo, catedrático de universidade e literato, Said encamiña a súa liña de pensamento cara a temas propios das preocupacións rexeneracionistas finiseculares (educación, utopía social, etc.), pero esas tendencias e orientacións van refuxiándose na abstracción do medievalismo científico e dunha realidade de Galicia enriquecedora, ideal, esteticista e plena de contidos identitarios de sabor romántico. Actos conemorativos A presentación do libro é o punto de partida da serie de actos que conmemorarán o centenario do pasamento de Said Armesto. Precisamente o volume servirá de base documental para os simposios de Santiago e A Coruña que terán lugar en outubro e novembro coordinados por Villanueva. Ademais, en Madrid en decembro reestrearase a zarzuela ‘La Flor del agua’, de Said Armesto e música de Conrado del Campo, xusto cen anos despois da última vez que se interpretou. A obra é considerada para moitos como renovadora para a escena da época e determinante para os estudos do teatro rexeneracionista en España.