Ir o contido principal

O catedrático emérito José Manuel Touriñán López ingresa na Academia Hispanoamericana de Doutores

Foto de arquivo do profesor Touriñán
Foto de arquivo do profesor Touriñán
Unha das súas principais achegas teóricas foi a formulación da Pedagoxía Mesoaxiolóxica e a construción de contornas educativas
Santiago de Compostela

A Academia Hispanoamericana de Doutores acaba de nomear membro de número o catedrático emérito de Pedagoxía da USC José Manuel Touriñán López.

Doutor en Filosofía e Letras pola Universidade Complutense de Madrid, ao longo da súa carreira publicou máis de 300 estudos en forma de artigos e capítulos en libros especializados, así como máis de 50 libros como único autor e unha ducia de traballos en coautoría. A súa obra foi lida e citada en 34 países, consolidando a súa influencia internacional nos estudos de educación, intervención pedagóxica e teoría pedagóxica.

O seu impacto na comunidade académica reflíctese en cifras que o sitúan entre as figuras máis destacadas do campo: o seu índice h en Google Scholar é de 47. No sistema español IN-RECS, está entre os 10 autores máis citados no campo da Educación, e é o profesor de referencia no campo da Teoría e Historia da Educación segundo indicadores de impacto. Como investigador principal, dirixiu 22 proxectos de investigación financiados a nivel rexional, nacional e internacional, e participou en 17 contratos con empresas e entidades públicas.

O profesor Touriñán organizou máis de 50 eventos científicos e pedagóxicos de relevancia nacional e internacional e foi relator ou conferenciante convidado en máis de 150 congresos e seminarios. Unha das súas principais achegas teóricas foi a formulación da Pedagoxía Mesoaxiolóxica e a Construción de Entornos Educativos, unha liña de investigación rexistrada como propiedade intelectual, que orienta a intervención educativa cara á integración de valores comúns e específicos de diferentes áreas culturais. Baseándose nesta proposta, fundou e coordina a rede internacional RIPEME, vinculada a REDIPE, coa que desenvolveu simposios internacionais, materiais didácticos, libros, cuestionarios e coleccións especializadas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.07.2025.