Ir o contido principal

O catedrático e escritor Miquel Barceló analizou nunha conferencia na Facultade de Física a relación entre a ciencia e a ciencia ficción

Miquel Barceló nun momento da súa intervención na Facultade de Física onde analizou a relación entre a ciencia e a ciencia ficción
Miquel Barceló nun momento da súa intervención na Facultade de Física onde analizou a relación entre a ciencia e a ciencia ficción
A intervención de Barceló forma parte do programa de actos conmemorativos do XXV aniversario da creación da Facultade de Física

O catedrático da Universidade Politécnica de Cataluña e escritor, Miquel Barceló, considerada necesario “usar a ciencia ficción como divulgadora da ciencia”. Esta foi unha das ideas expostas por Barceló este mércores no transcurso da conferencia ‘Planetas de ciencia ficción’, pronunciada na Facultade de Física dentro do programa de actos organizado co gallo da conmemoración do 25 aniversario da creación deste centro da USC.
O escritor considera que a “ciencia ficción imaxina cousas que poden suceder ou non”, aínda que a súa función non sexa a de proporcionar ideas, mentres que a ciencia encargaríase de demostrar a existencia desas cousas imaxinadas na ficción. Barceló continuou a súa reflexión destacando que no mundo anglosaxón os divulgadores da ciencia teñen un gran prestixio “mentres que aquí non sucede así”, situación que o escritor puxo en dúbida xa que os divulgadores deben coñecer ben a ciencia.
Miquel BarcelóO catedrático da Universidade Politécnica de Cataluña, Miquel Barceló, participou este mércores 17 no programa de actos organizado co gallo da conmemoración do 25 aniversario da creación da Facultade de Física da USC. Miquel Barceló pronunciou a conferencia titulada ‘Planetas de ciencia ficción’ nunha sesión celebrada na Aula Magna da Facultade de Física.
Enxeñeiro aeronáutico e doutor en Informática, Miquel Barceló realizou ademais estudos de Enxeñaría Nuclear, Enxeñaría Aerospacial, Psicoloxía Aplicada e Psicotecnia, e o primeiro ciclo de Ciencias Económicas. Traballou durante 17 anos como enxeñeiro de Sistemas Informáticos nunha multinacional informática antes de ingresar na Universidade Politécnica de Cataluña onde agora é catedrático do Departamento de Linguaxes e Sistemas Informáticos e dá clases. Na actualidade imparte clases na Facultade de Informática de Barcelona dende a súa creación en 1977.
Ademais é especialista, tradutor, editor e escritor premiado no xénero literario da ciencia ficción que tamén emprega como material para a divulgación científica con libros como Paradojas: la ciencia en la ciencia ficción (Ed. Sirius. Madrid, 2000) e a súa continuación Paradojas 2: la ciencia en la ciencia ficción (Ed. Sirius. Madrid 2005). Reseñable igualmente son as súas columnas periódicas con artigos de opinión e de divulgación científica en revistas como Byte, Astronomía, Boletín de la Asociación Catalana de Inteligencia Artificial, Asimov, Divulgamat da páxina web da Real Sociedad Matemática Española, ou Primera noticias. Revista de Literatura, entre outras.
Unha das súas últimas publicacións será o libro La Intel.ligència artificial, número catro da nova colección ‘Vull Saber’ da editorial UOC (Barcelona, 2005). Para esta mesma colección preparou outro monográfico sobre La Ciència-Ficció, cuxa comercialización en prensa está prevista para este mesmo ano) e atópase rematando un manual académico sobre Introducció a la Història de la Informàtica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.01.2007.