Ir o contido principal

O catedrático Francisco García Tortosa, autor da que está considerada como a versión definitiva en castelán do 'Ulises' de Joyce, inicia unha estadía na USC

Participará na docencia de dous programas de Doutoramento e impartirá unha conferencia sobre a súa tradución da obra do escritor irlandés

O catedrático da Universidade de Sevilla Francisco García Tortosa, autor da que é unanimemente considerada a versión definitiva en castelán do Ulises de James Joyce, atópase estes días na USC para participar nas sesións docentes de dous programas de doutoramento da Facultade de Filoloxía e para impartir unha conferencia.
A súa estadía en Compostela comezará este sábado 5 para participar nas actividades dos doutoramentos de Teoría da Literatura e Literatura Comparada e de Tendencias Actuais nos Estudos Ingleses e as súas Aplicacións, onde impartirá o curso ‘Tradución e cultura’. Estes dous programas de terceiro ciclo foron distinguidos en repetidas convocatorias coa Mención de Calidade do Ministerio de Educación e Ciencia.
O programa de actividades de García Tortosa na USC continuará o luns 7 para pronunciar a conferencia ‘Trasfondo da tradución do Ulises de James Joyce’ nun acto programada para as 12:00 horas na Aula 11 da Facultade de Filoloxía. Nesta intervención Francisco García Tortosa disertará sobre as características temáticas e estéticas do Ulises, considerada unha das obras cumio da literatura universal, e o traballo que supuxo a súa tradución.
Francisco García Tortosa é presidente da Asociación Española James Joyce, editor da prestixiosa revista Papers on Joyce e unha autoridade académica a nivel internacional no estudo da obra do xenial escritor irlandés. Ademais das súas numerosísimas publicacións, é preciso subliñar a relevancia da súa edición e tradución para a editorial Cátedra, en colaboración coa profesora María Lusisa Venegas Lagüéns, da que é unanimemente considerada a definitiva versión do Ulise de James Joyce en castelán.
Numerosos joyceanos ao longo da xeografía española, repartidos en universidades coma as de Santiago de Compostela, A Coruña, Xaén, Alcalá de Henares, ademais da de Sevilla, consideran ao profesor García Tortosa o seu mentor académico.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.04.2008.