O catedrático Francisco Santos reflexionará no Seminario Vidal Abascal sobre 'Cantas caras pode ter un poliedro?'
O catedrático da Universidade de Cantabria Francisco Santos participa este xoves 22 na programación do Seminario Vidal Abascal cunha conferencia na que tentará respostar á pregunta ‘Cantas caras pode ter un poliedro?’. A sesión dará comezo ás 16:30 horas e celebrarase no Salón de Graos da Facultade de Matemáticas.
Na súa charla o profesor Santos tentará ofrecer “unha panorámica do que se sabe, e do que non” sobre o número de caras dun politopo, un poliedro de dimensión arbitraria. Os poliedros atópanse entre os obxectos xeométricos máis clásicos, habituais na matemática grega, exipcia e babilonia. Non obstante, os especialistas consideran sorprendente “que houbese que esperar ata o século XVIII para que Euler mostrase que a diferenza entre a suma do número de caras e vértices e o número de arestas é igual a 2”. Esta fórmula, que constitúe a primeira mostra do que hoxe se coñece como topoloxía alxébrica, admite extensións en varias direccións, unhas de carácter topolóxico e outras máis combinatorias.
Francisco Santos é catedrático no Departamento de Matemáticas, Estatística e Ciencias da Computación da Universidade de Cantabria. Ademais, é un recoñecido especialista en xeometría combinatoria, discreta e computacional, ademais de ter sido un dos poucos conferenciantes españois invitados no último Congreso Internacional de Matemáticos, celebrado en Madrid en 2006, onde impartiu unha conferencia sobre triangulación de politopos. En 2007, participou xunto con Stephen Smale (medalla Fields 1966) e Wendelin Werner (medalla Fields 2006) no International Symposium ‘The Frontiers of Mathematics’ onde impartiu a conferencia ‘The cinderella of math’.
É autor de máis de cincuenta traballos de investigación nalgunhas das mellores revistas de matemáticas como Journal of the American Mathematical Society, Journal of the European Mathematical Society, Mathematischen Annalen ou Topology.
O seminario ‘Vidal Abascal’O seminario toma o seu nome en homenaxe ao profesor Enrique Vidal Abascal, partícipe fundamental na creación do Departamento de Xeometría e Topoloxía e da Facultade de Matemáticas da USC, onde ocupou o cargo de director e decano, respectivamente, ademais de ser unha figura emblemática da matemática galega actual.