Ir o contido principal

O catedrático Guillermo Rojo, distinguido co Eduardo Benot ao rigor científico e lingüístico

O catedrático de Lingüística Española da Universidade de Santiago de Compostela e membro da Real Academia Española, Guillermo Rojo
O catedrático de Lingüística Española da Universidade de Santiago de Compostela e membro da Real Academia Española, Guillermo Rojo

O catedrático de Lingüística Española da Universidade de Santiago de Compostela e membro da Real Academia Española, Guillermo Rojo, acaba de recibir a distinción Eduardo Benot ao Rigor Científico e Lingüístico na súa sexta edición polo "seu destacado papel no amplo ámbito da lingüística informática". O acto de entrega do premio terá lugar o próximo mes de marzo no salón de plenos do Concello de Cádiz dentro dos actos do Mes Constitucional. Nesa mesma cerimonia entregaranse os X premios Emilio Castelar concedidos a Tomás Albaladejo Mayordomo, catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Autónoma de Madrid, na categoría de Elocuencia Retórica, e ao xornalista José Domingo Castaño (premio á Eficacia Comunicativa). Ademais, a nova distinción posta en marcha o pasado ano á Investigación e Arte da Tradución foi parar a Luis Charlo Brea, catedrático de Filoloxía Latina da Universidade de Cádiz.

O xurado estivo presidido polo tenente de alcalde e concelleiro de Cultura, Antonio Castillo, e composto ademais polo profesor titular de Lingua Española da Universidade de Cádiz e membro do Grupo de Investigación de Estudo de Retórica Actual (ERA), Antonio de Gracia Mainé; o catedrático de Teoría da Literatura da Universidade de Sevilla, Esteban Torre Serrano; o catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade de Cádiz e membro de ERA, José Antonio Hernández Guerrero; así como os galardoados en distintas edicións como o profesor da USC Darío Villanueva Prieto, Juan Gil Fernández, Gregorio Salvador Caja e Mª del Carmen Boves Naves. Actuou como secretario Fernando Osuna García.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.02.2013.