O catedrático José Rivas ingresou na Real Academia Galega de Ciencias

Coa lectura da seu discurso sobre ‘O Magnetismo e a Nanotecnoloxía. Dous aliados na fronteira do coñecemento’, o catedrático de Electromagnetismo da USC José Rivas Rey formalizou o seu ingreso na Real Academia Galega de Ciencias. No acto solemne celebrado no Pazo compostelá de San Roque e coa asistencia do reitor Viaño, a lección foi contestada polo académico Vicente Pérez Villar.
José Rivas é membro destacado do grupo de investigación Magnetismo e Nanotecnoloxía da USC (Nanomag), ademais de coordinador do grupo de Nanopartículas e nanoestruturas no Laboratorio Ibérico Internacional de Nanomateriais, situado en Braga, do que foi o seu primeiro director. Dende o seu doutoramento na Universidade de Valladolid, dedicouse á investigación e desenvolvemento no eido dos materiais magnéticos. Durante a súa estadía posdoutoral no Instituto Max Planck centrouse na preparación e no estudo das propiedades de cerámicas magnéticas (ferritas), materiais básicos para dispositivos eléctricos e electrónicos. O seu traballo en varios laboratorios universitarios españois permitiulle continuar con traballos experimentais neste mesmo ámbito creando un activo grupo de Magnetismo en España.
En 1982 accede á unha praza de cátedra na USC e catro anos despois comeza unha nova liña de traballo cun equipo interdisciplinar da USC relacionada coa síntese e caracterización de materiais magnéticos nanoestruturados. Como resultado destas investigacións, fundaron un laboratorio interdisciplinario de Nanotecnoloxía e Magnetismo, onde desenvolveron varios métodos orixinais para a preparación de nanopartículas magnéticas coas súas correspondentes patentes para América e Europa. Este laboratorio creou unha spin-off de alta tecnoloxía denominada NANOGAP, da que José Rivas é co fundador. Ademais, o Ministerio de Industria español outorgoulle un premio nacional de innovación a esta spin-off pola súa ampla gama de partículas de calidade.
José Rivas é autor de varios capítulos de libros, once patentes e máis de 350 artigos científicos. Ademais ten recibido varios premios e distincións e desempeña un papel activo na divulgación das nanociencias, promovendo escolas e conferencias interdisciplinarias e participando na definición da estratexia europea de nanotecnoloxía como membro de varios comités europeos, como o Comité COST NanoSTAG ou o Comité Directivo da Fundación Europea de Ciencia.