Ir o contido principal

O catedrático Lourenzo Fernández Prieto presenta o seu libro El apagón tecnológico del franquismo. Estado e innovación en la agricultura española del siglo XX

O catedrático de Historia Contemporánea da USC Lourenzo Fernández Prieto presenta este xoves 27 na Sala de Profesores da Facultade de Xeografía e Historia o seu último libro El apagón tecnológico del franquismo. Estado e innovación en la agricultura española del siglo XX.
Ao acto de presentación, previsto para as 20:00 horas, asiste ademais do autor os directores xerais de Desenvolvemento Rural e de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Xunta de Galicia, Edelmiro López e Salustiano Mato, respectivamente, ademais dos profesores de Historia Antiga Pedro López Barja e de Historia Contemporánea Emilio Grandío, ambos os dous da USC.
Nas páxinas desta obra profúndase de xeito monográfico en aspectos relacionados nas relacións coa investigación e a experimentación orientada á innovación tecnolóxica na agricultura. Segundo sinala o autor, con características específicas, todo o sistema sufriu durante o franquismo un proceso de deterioro semellante.
Aínda que o título do libro refírese de xeito exclusivo ao período franquista, a obra dirixe a súa atención tamén ao sistema de innovación creado dende o século XIX. A referencia preferente ao franquismo “ten por obxecto destacar o elemento máis revelador desta achega así como subliñar que o obxectivo central do libro é desvelar o final dun túnel histórico contemporáneo que ten no franquismo o seu punto culminante”, apunta o profesor Fernández.
O autor sitúa entre 1939 e 1975 o período no que sitúan e explican “os retrasos e as malformacións” do sistema español de ciencia e tecnoloxía, destacando que é “a longa posguerra de 1939 a 1959 a etapa en que se produce o gap que distancia a traxectoria española da europea” no relativo aos procesos de cambio tecnolóxico.
Entre as características que definirían este período de deterioro, Fernández Prieto sinala que “despois de 1936 os recursos humanos son diezmados, os acumulados infrautilízanse, os materiais deterióranse e non se renovan e ao remate da posguerra todo se funda de novo e sobre novas bases, como se o pasado non tivera nunca existido”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.03.2008.