Ir o contido principal

O catedrático Marcos García Quintela analiza o cerimonial asociado á arbore de Guernica

O catedrático Marcos García Quintela analiza o cerimonial asociado á arbore de Guernica
O catedrático Marcos García Quintela analiza o cerimonial asociado á arbore de Guernica
Presenta o seu estudo nun libro editado en colaboración co investigador francés François Delpech

O catedrático de Historia Antiga da USC Marcos V. García Quintela e o investigador retirado do Centre National de la Recherche Scientifique François Delpech acaban de presentar o libro El árbol de Guernica, un texto que estuda o cerimonial asociado a este árbore, “símbolo das liberdades dos vascos”. Este punto da xeografía vasca está asociado a unha cerimonia na que os señores de Biscaia tomaban posesión durante a baixa Idade Media e “reflicten unha concepción de pacto entre o pobo de Biscaia e o seu señor”, explica o profesor García Quintela. O rito que se desenvolve arredor da árbore de Guernica ten asociados unha serie de “xestos estraños non sempre ben comprendidos polos eruditos que os relatan” e é o punto culminante para a denominada ruta ‘juradera’ que o señor emprendía para tomar posesión, indo dende Bilbao a Bermeo pasando por Arechabalaga (carballo ancho en vasco) e Quernica. No volume de García Quintela e Delpech examínanse estas cerimonias que engloban á totalidade social e, particularmente, as cerimonias precisas asociadas aos dous últimos puntos da ruta. Como explican os investigadores, existen ritos de certa similitude na Roma máis antiga e na Irlanda medieval, aínda que para as cerimonias de Arechabalaga e Guernica existe gran similitude co proceso de investidura dos duques de Carintia na parte eslovena da actual Austria. En todos os casos estudados, engaden os estudosos, móstranse cerimonias ao aire libre e sen representantes relixiosos, “o que resulta extraordinario no contexto das investiduras reais medievais”, explica Marcos García. Todo apunta, engade, a que se trata de cerimonias moi antigas que “o mesmo que perduraron, parcialmente e con modificacións, dende a baixa Idade Media ata a actualidade, tamén perduraron dende unha prehistoria ou protohistoria que non sabemos precisar ata o momento en que os primeiros textos relatan os seus contidos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.04.2013.