Ir o contido principal

O catedrático da Universidade de Valencia Antonio Naveira pronuncia unha nova conferencia do Seminario Vidal Abascal

O profesor da Universidade de Valencia Antonio M. Naveira impartirá este xoves 17 na Facultade de Matemáticas a conferencia titulada ‘Campos de Jacobi e rango oscular do operador de Jacobi nalgunhas clases especiais de espazos homoxéneos Riemannianos’. A intervención, que comezará ás 16:30 horas na Aula 7 do centro, forma parte do programa do Seminario Vidal Abascal.
O profesor Naveira demostrará algunhas propiedades xeométricas de certos espazos homoxéneos non simétricos, relacionadas coa existencia de campos de Jacobi isotrópicos. Nalgúns casos determinará o rango osculador do seu operador de Jacobi, o que proporcionará diferentes maneiras de distinguir este tipo de variedades dos espazos simétricos.
O conferencianteAntonio Martínez Navieraé catedrático de Xeometría Diferencial da Universidade de Valencia. Doutor en Matemáticas polas Universidades de Santiago de Compostela (1969) e París VI (1973), a súa primeira tese de doutoramento, dirixida polo profesor Enrique Vidal Abascal, foi tamén a primeira tese de matemáticas defendida na institución compostelá.
Foi profesor contratado entre 1965 e 1973 e profesor adxunto entre 1973 e 1975 da USC, antes do seu traslado á Universidade de Granada como profesor agregado en 1975 e do seu nomeamento como catedrático da Universidade de Valencia en 1976. Continuador do labor do seu mestre o profesor Vidal Abascal, converteuse no mestre de varias xeracións de matemáticos espallados por varias universidades españolas e estranxeiras.
É autor de máis de cincuenta traballos de investigación en moi diversas áreas da xeometría tales como a teoría de foliacións, a xeometría riemanniana ou a xeometría integral. Ten impartido un gran número de seminarios de investigación e conferencias científicas en diversas institucións nacionais e internacionais. Debéselle o renacer da Real Sociedade Matemática Española da que foi presidente entre 1996 e 2000.
O seminario ‘Vidal Abascal’O seminario toma o seu nome en homenaxe ao profesor Enrique Vidal Abascal, partícipe fundamental na creación do Departamento de Xeometría e Topoloxía e da Facultade de Matemáticas da USC, onde ocupou o cargo de director e decano, respectivamente, ademais de ser unha figura emblemática da matemática galega actual.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.01.2008.