O catedrático da USC Ángel Carracedo, Premio Nóvoa Santos de Medicina
O xurado do Premio Nóvoa Santos composto pola xunta directiva da Asociación de Médicos Galegos (Asomega) decidiu este mércores en Madrid concederlle o galardón na súa décimo cuarta edición ao catedrático e xenetista Ángel Carracedo, que dende o Instituto de Medicina Legal da Universidade de Santiago se converteu nun referente moi destacado da súa especialidade en todo o mundo.
Nos últimos anos Carracedo ampliou a súa actividade investigadora ao eido da medicina molecular e a xenómica, do que resultou a creación do centro máis importante de España no diagnóstico de enfermidades xenéticas, a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, que el mesmo dirixe. Recentemente impulsou o desenvolvemento da Sociedade Española de Farmacoxenética e de Farmacoxenómica. É, por tanto, para o xurado, “un claro referente da súa especialidade e un extraordinario expoñente da «Idade de Oro» que vive a USC”.
Carracedo súmase así ao elenco dos premiados por Asomega, entre os que ultimamente figuran Felipe Casanueva (USC) en 2008, a Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia en 2007, e Rafael Tojo (USC) en 2006.