Ir o contido principal

O catedrático da USC Antonio Rigueiro, novo presidente do Consello Consultivo do Parque Natural das Fragas do Eume

Antonio Rigueiro Rodríguez
Antonio Rigueiro Rodríguez
O control de especies exóticas para evitar a súa propagación nos bosques de ribeira e a sensibilización dos donos das fragas son cometidos nos que traballará Rigueiro

O catedrático do Departamento de Produción Vexetal da Universidade de Santiago de Compostela Antonio Rigueiro Rodríguez vén de ser nomeado por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas novo presidente do Consello Consultivo do Parque Natural das Fragas do Eume, cargo no que sucede a Ricardo García Mira.

O tamén director da Estación Científica do Caurel e profesor na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo asume esta nova encomenda coa vontade de poder desenvolver novas ideas e actuacións que favorezan a posta en valor e a conservación do Parque Natural das Fragas do Eume, ademais de dar continuidade a todas aquelas iniciativas proveitosas que xa están en marcha. O Parque Natural das Fragas do Eume, un dos bosques atlánticos de ribeira mellor conservados de Europa, abrangue unha superficie de 9.125 hectáreas que se distribúe polos concellos coruñeses de Cabanas, A Capela, As Pontes de García Rodríguez, Monfero e Pontedeume e na que viven menos de 500 persoas, o que dá unha idea do estado virxe destes exuberantes bosques que seguen o curso do río Eume. O cometido de Antonio Rigueiro como presidente do Consello Consultivo do Parque Natural das Fragas do Eume, un órgano de participación no que están representados ademais dos propietarios dos terreos e das fragas, a Administración autonómica e, entre outros, os responsables políticos dos concellos polos que se estende, non é pequeno, pois as súas funcións van desde a protección ata o desenvolvemento económico dun espazo natural singular. A promoción cara o exterior do parque natural das Fragas do Eume e as actuacións orientadas á recuperación dos espazos danados polo incendio forestal rexistrado o pasado ano 2012 nas Fragas do Eume son outras das liñas nas que está a traballar desde o Consello Consultivo das Fragas do Eume. Ademais de darlle continuidade a estas accións, Antonio Rigueiro Rodríguez coida non menos importante avanzar no control da presenza de especies exóticas para evitar a súa propagación dentro do parque, tal e como pode estar a suceder co eucalipto. O coidado e a preparación de material vexetal para evitar así posibles efectos de contaminación xenética das especies do parque e a loita na prevención de lumes son outros campos nos que debe continuar a traballar o Consello Consultivo do Parque Natural das Fragas do Eume, un órgano desde o que, na opinión de Antonio Rigueiro, tamén cómpre avanzar na sensibilización dos propietarios das terras, a fin de outorgar así un maior dinamismo á vida do parque.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.09.2013.