Ir o contido principal

O catedrático da USC Carlos Pajares designado polo Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía como representante científico de España no CERN

O catedrático da Universidade de Santiago Carlos Pajares acaba de ser designado polo Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía como representante científico de España no CERN. Cun orzamento de 800 millóns de euros, neste organismo están representados un total de vinte países sendo un destacado modelo de colaboración científica internacional e un dos centros de investigación más importantes no mundo.
A incorporación do profesor Pajares á dinámica cotiá do CERN será inmediata, xa que a vindeira semana xa participará como representante científico de España no próximo Consello do centro. Entre os retos inmediatos deste organismo internacional figura a posta en marcha dun novo acelerador de partículas, de 27 quilómetros de perímetro, e cuxa inauguración oficial está prevista para o vindeiro mes de outubro.
Carlos PajaresCarlos Pajares (Madrid, 1945) foi reitor da USC entre 1984 e 1990 e primeiro decano da súa Facultade de Física. Destaca o seu traballo investigador nas partículas elementais e é recoñecido internacionalmente o valor das súas achegas no eido das interaccións partícula-núcleo e materia a alta densidade.
En concreto, Carlos Pajares centrou a súa investigación na orixe do universo e en como reproducir experimentalmente este fenómeno mediante aceleradores. O departamento de Física de Partículas no que traballa intenta responder, realizando investigación básica, ás preguntas fundamentais sobre a constitución do universo e da materia. Resultados de investigacións de Carlos Pajares como o teorema self-shadowing, a absorción da partícula J en núcleos e as interaccións de campos de color correspondentes a diversas fontes formando a percolación de cordas, tiveron unha ampla difusión e o recoñecemento internacional.
Froito deste labor investigador, é autor de máis de 130 artigos de investigación publicados nas mellores revistas especializadas, así como doutros 45 artigos como resultado de conferencias e congresos. Publicou ademais dous libros: Interacción a las interacciones fuertes (Barcelona, 1977) e Relativistic Nuclear Interactions (Moscú, 2007).
Ao longo da súa traxectoria, realizou estadías en universidades de Francia, Estados Unidos, Inglaterra e Suíza. Foi ademais o responsable de formar o Departamento de Física de Partículas Elementais. Por outra banda, o grupo de investigación de Materia de alta densidade co que traballa na actualidade está considerado como un dos máis destacados deste campo.
Carlos Pajares é membro de diversas comisións e comités científicos. Foi vicepresidente da Real Sociedade Española de Física, asesor da Unión Europea sobre plans de estudo de Física, membro do comité científico Outreach do Centro Europeo de Partículas Elementais e aval. Formou parte ademais dos consellos asesores da Enciclopedia Galega, da Revista Galega do Ensino e da Revista Española de Física, así como da sección de Ciencia e Sociedade do Consello da Cultura de Galicia.
Entre os recoñecementos que lle foron outorgados figuran o Premio Galicia de Investigación 2008, o nomeamento como Cabaleiro da Orde das Palmas Académicas polo goberno francés, o Premio Xunta de Galicia de Divulgación Científica en 1994 e a Medalla de Ouro da Real Sociedade Española de Física en 2000.
Intensa colaboración coa USCA Universidade de Santiago e o CERN manteñen dende hai preto de 30 anos unha intensa colaboración xa que nestes anos a maioría dos profesores do Departamento de Física de Partículas compostelá así como un gran número de estudantes de posgrao realizaron diversas estadías no centro internacional con sede en Suiza participando nas súas investigacións tanto teóricas como experimentais.
Partindo da liña de investigación básica do CERN, centrada na busca dos últimos constituíntes da materia, neste centro internacional desenvólvese toda unha serie de tecnoloxías que propiciaron un novo modo de facer ciencia “dun xeito aberto con alcance internacional “ como subliñou o profesor Pajares.
Ademais, a vinculación da USC co CERN permite a participación de universitarios composteláns en importantes proxectos internacionais respaldados por destacadas universidades e centros de investigación, permitindo un frutífero intercambio de ideas e o acceso e desenvolvemento de tecnoloxía punteira de alcance social.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.06.2008.