O catedrático da USC Carlos Villanueva coordina en outubro en Granada un curso internacional Manuel de Falla
O catedrático de Historia da Música da USC Carlos Villanueva coordina a finais de outubro en Granada un seminario de dous días que forma parte dos Cursos Internacionais Manuel de Falla organizados polo Festival Internacional de Música e Danza desa cidade coa colaboración da súa universidade. Para facilitar a asistencia a organización ofrece bolsas de matrícula e aloxamento. ‘Música dun milenio. Musulmáns, xudeus e cristiáns no reino de Granada’ é o título do curso que se desenvolverá entre os días 25 e 27 dese mes cun claustro docente composto por Mª Carmen Gómez, da Autónoma de Barcelona; Begoña Olavide e Sverre Jensen, da Universidade de Oslo; Manuela Cortés, de Granada; José M. Pedrosa, de Alcalá de Henares; e Tone Hulbaekmo e Hans Frederik Jakobsen, de Kalenda Maya. O programa inclúe un concerto de música arábigo-andalusí a cargo de Begoña Olavide e o seu grupo e outro de música cristiá e sefardí por Kalenda Maya (Noruega).