Ir o contido principal

O catedrático da USC Gonzalo Álvarez imparte en Lugo unha conferencia sobre a extinción da dinastía Habsburgo

O catedrático de Xenética da USC, Gonzalo Álvarez, impartirá este martes 19 de xaneiro ás 11:00 horas no Auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo unha conferencia na que presentará as conclusións das investigacións que el mesmo dirixiu co fin de determinar as causas xenéticas da extinción da dinastía Habsburgo en España.
A investigación dirixida por Álvarez, e que aparece publicada na Public Library of Science Plos One (Biblioteca Pública de Ciencia), utilizou información xenealóxica de Carlos II e de 3.000 parentes e antepasados. O equipo que levou a cabo o estudo atopou evidencias xenéticas de que os Habsburgo chegaron á súa fin en España pola alta frecuencia de cruzamento entre individuos da mesma familia, xa que naquela época as alianzas políticas selábanse con unións matrimoniais que supoñían elevados casos de consaguinidade.
A frecuencia do cruzamento entre familiares sería polo tanto a causa de que a rama española da dinastía dos Habsburgo, unha das casas reais máis importantes e influíntes de Europa durante máis de 500 anos, rematase coa morte do rei Carlos II, sen herdeiros, no ano 1700.
O relatorio de Gonzalo Álvarez enmárcase nun ciclo relacionado coa mellora xenética e coa evolución que o Departamento de Xenética da USC programou para este curso académico no campus lugués.
A seguinte e última conferencia correrá a cargo doutro catedrático de Xenética, Paulino Martínez, que falará sobre ‘Aplicacións da xenómica para a mellora en acuicultura’ o vindeiro 26 de xaneiro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.01.2010.