O catedrático da USC Jorge Mira, novo académico correspondente da RAG

O catedrático de Electromagnetismo da Universidade de Santiago de Compostela Jorge Mira (Baio, 1968) será académico correspondente da Real Academia Galega (RAG) logo de que o seu pleno votase favorablemente este venres a proposta. Xunto ao profesor da USC ingresará tamén o director xeral do Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstolo de Bos Aires, Carlos Xavier Rodríguez Brandeiro.
Alén das liñas de investigación que mantén en eidos exclusivos das ciencias experimentais, Jorge Mira traballa na modelización matemática de sistemas sociais aplicada ás dinámicas lingüísticas, campo no que creou un modelo que reproduce a evolución histórica do número de falantes de galego e castelán en Galicia. En relación con estes estudos, colabora desde 2014 co Seminario de Sociolingüística da RAG nun proxecto de socioloxía da lingua, demografía e evolución.
De Mira é salientable ademais o seu labor de divulgación científica. Autor dos libros A ciencia no punto de mira (2010) e A que altura está o ceo? (2016), colabora en varios medios de comunicación achegando a ciencia ao público xeral en lingua galega (RG, TVG, TVE-Galicia e La Voz de Galicia), é o responsable do programa Conciencia da USC e do primeiro nodo español da rede internacional Nerd Nite, co dirixe a Colección de Divulgación Científica da USC e imparte numerosas conferencias e accións formativas. É ademais membro do consello de redacción de Grial e da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega.
O seu labor divulgador mereceu, entre outros, o Premio Física en Acción da Real Sociedad Española de Física (2000), unha mención de honra do Premio Ciutat de lles arts i de lles ciencies de Valencia (2001), o Premio Nacional Ciencia en Acción do Ministerio de Educación e o EIROForum (2005), e Premio José María Savirón (2001). O compromiso que mantén coa lingua galega foille recoñecido coa concesión do XX Premio Lois Peña Novo.