Ir o contido principal

O catedrático da USC Xavier Castro gaña o XII Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo cunha obra sobre a vida cotiá na Galicia contemporánea

O catedrático da Escola Universitaria de Historia Contemporánea da USC, Xavier Castro Pérez, vén de gañar o XII Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo pola súa obra ‘Historia da vida cotiá en Galicia (séculos XIX e XX)’ que se publicará en breve e coa que tratou de achegarse á historia da vida cotiá na Galicia contemporánea. Convocado polo Concello de Valga, o galardón está dotado con 4.000 euros.
Dende unha perspectiva xeral, o texto mostra a historia das xentes galegas de diferente condición social; dende a vida dos que comían ben e durmían en colchóns de la ata a realidade daqueles que levaban unha existencia precaria. Así, Xavier Castro define esta obra como unha investigación histórica que emprega fontes inéditas combinándoas coa bibliografía dispoñible e fuxindo da monografía temática especializada. Pretende, deste xeito, interesar a un público instruído e amplo.
Un total de doce capítulos compoñen esta investigación na que se tratan cuestións como a vida nos fogares labregos, a alimentación, a indumentaria, o frío, a hixiene, a infancia, a escola, o amor, o matrimonio, a vellez, a familia ou os perfís sociais.
Ademais da literatura realista, a obra basease nos datos de informacións orais recollidas de entrevistas realizadas polo propio autor e outros investigadores, na prensa, en anuarios estatísticos, nos libretos de zarzuela, nos textos legais, nos tratados de hixiene ou en manuais das boas maneiras escritos na época.
O autorCatedrático do Departamento de Historia Contemporánea da USC, este escritor publicou en 2006 A la sombra de los parrales. Cultura del vino en Galicia y otros espacios peninsulares, en 2001 Ayunos y yantares: Usos y costumbres en la historia de la alimentación peninsulares e en 1998 A lume manso. Estudios sobre historia social de la alimentación. Ademais de ter sido subdirector da Revista Grial, tamén foi asesor histórico nas series da TVG ‘As leis de Celavella’ e ‘A casa de 1906’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.08.2007.