Catedráticos de toda España abordan en Foz a educación durante a Idade de Prata
A educación a comezos do século XX centra a novena edición do Curso de Historia da Educación que se impartirá dende o 19 ao 23 de xullo na Casa da Cultura de Foz baixo a dirección do catedrático Eugenio Otero Urtaza. Nesta edición do seminario abordarase a educación durante a Idade da Prata, unha das etapas máis salientables da historia moderna española que se comprende entre os anos 1902 e 1939, afondando no desenvolvemento da literatura, a ciencia e a pedagoxía así como na creación da Residencia de Estudantes por iniciativa de Francisco Giner co obxectivo de reunir á mocidade máis brillante da época e que este ano festexa o seu centenario. O secretario da Fundación Francisco Giner, José García Velasco, investigadores do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e catedráticos de Historia da Educación e de Literatura de diversas universidades españolas como a USC e universidades de Granada, Murcia, Madrid, Alcalá de Henares, Vic ou Zaragoza impartirán os relatorios. Toda a información sobre o curso ‘A educación e a Idade da Prata’ atópase na web www.usc.es/cultura/uveran31_10.htm.