Ir o contido principal

Catro alumnas do grao en Comunicación Audiovisual da USC, seleccionadas para o programa startups R DiCo Challengue

Beatriz Castro, Alicia Ouro,  Begoña Pérez e Nuria Salgado son as integrantes do proxecto seleccionado entre os mellor valorados
Beatriz Castro, Alicia Ouro, Begoña Pérez e Nuria Salgado son as integrantes do proxecto seleccionado entre os mellor valorados
Presentaron unha estratexia transmedia, baseada en storytelling transmedia, para a serie televisiva ‘Fariña’

O proxecto ‘Desenvolvemento das estratexia transmedia de Fariña’, proposto por catro alumnas do grao de Comunicación Audiovisual, é un dos catro seleccionados dentro do programa startups R DiCo Challenge, a través do cal o operador galego de telecomunicacións se relaciona coa comunidade do audiovisual e doutras sectores para impulsar a innovación e as iniciativas emprendedoras.

O proxecto de Beatriz Castro, Alicia Ouro, Begoña Pérez e Nuria Salgado foi tamén un dos mellor valorados polas empresas ao consideralo entre os que terían unha maior viabilidade no mercado, segundo unha enquisa realizada con esta finalidade. A súa selección dentro do programa startups R daralle acceso agora a unha aceleradora de proxectos que contará con financiamento da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega). Neste senso, Beatriz Castro, Alicia Ouro, Begoña Pérez e Nuria Salgado mostráronse “moi esperanzadas con esta oportunidade e ansiosas por comezar esta nova etapa”.

A valoración do proxecto realizado polas alumnas da USC, baixo a titorización dos profesores Enrique Castelló e Carlos Toural, deuse a coñecer no transcurso da segunda edición do Pitching TFG (Traballos Fin de Grao) organizado polo Clúster Audiovisual Galego en colaboración coas tres universidades galegas a través das súas respectivas facultades de Comunicación. Durante esta xornada presentáronse un total de 16 proxectos, un total de seis da USC, diante de empresas dos sectores audiovisual e TIC.

A xornada de Pitching TFG busca poñer en valor o novo talento audiovisual e conectalo co tecido empresarial galego. Ao igual que na anterior edición, os responsables dos proxectos tiveron a oportunidade de testar os seus traballos co sector e puideron coñecer as valoracións dos produtores.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.12.2018.