Catro compañías universitarias presentan este venres en Lugo as súas coreografías no XII Encontro de Danza Contemporánea

Catro compañías universitarias de Galicia e de Portugal presentarán este venres, día 11 de abril, a partir das 20.30 horas, na caixa negra do Museo Interactivo da Historia de Lugo as súas respectivas propostas coreográficas no marco do XII Encontro Universitario de Danza Contemporánea, un certame organizado pola USC ao abeiro do convenio Lugo Cultural que terá continuidade na xornada do sábado e no que, nesta edición, participan cinco formacións artísticas.
As compañías danzaUSClugo e danzaUSCompostela, así como a Aula de Danza Normal da UDC, TeatrUBI, da universidade portuguesa de Beira Interior, e a formación independente Kaos, nada tamén ao abrigo da USC, completan o cartel desta edición do Encontro de Danza Universitaria Contemporánea, un certame que presenta propostas “atractivas e innovadoras”, segundo subliñou o director do Espazo de Danza da USC e responsable da organización deste festival artístico, Juan Carlos Zahera. A compañía danzaUSCompostela, dirixida por Juan Carlos Zahera, abrirá o XII Encontro Universitario de Danza Contemporánea con ‘Onde se fugan as valentes’, unha peza con coreografía de Xiana Vilas e dirección artística de Juan Carlos Zahera na que os/as seis integrantes da compañía recrean a experiencia dun encontro entre mulleres e o punto de partida. Ao seu remate, as cinco bailarinas da Aula de Danza Normal da UDC presentarán no mesmo escenario do MIHL ‘Animais de hábitos nocturnos’, unha coreografía colectiva dirixida por Ruth Balbís, que versa sobre o cambio de comportamento diúrno e nocturno dos animais. A formación portuguesa da Universidade da Beira Interior TeatrUBI, que combina nas súas creacións o teatro e a danza, trae nesta ocasión a Lugo unha proposta innovadora ‘Diagnóstico: Desgosto Patolóxico’. Esta coreografía, que é froito dunha adaptación libre a partir de ‘4:48 Psicose’, de Sarah Kane, a cargo de Rui Pires, quen tamén se ocupa da dirección artística, afonda na idea da psicose que produce a morte. As cinco integrantes da compañía danzaUSClugo, dirixida por Juan Carlos Zahera, pecharán a primeira xornada do XII Encontro de Danza Contemporánea da USC con ‘Empatía’, unha coreografía de Rosa Acuña que presenta actitudes como a observación e a escoita como ferramentas para aprender a desenvolver unha vida mellor. Tres destas catro compañías de danza universitarias repetirán actuación no mesmo escenario o sábado, día 12 de abril, a partir das 20.30 horas. A xornada de clausura do certame contará tamén coa participación de Kaos, unha formación independente nada ao abrigo da USC, que estreará en Lugo a peza ‘A Fuxida’, unha coreografía colectiva na que reflexa como o caos empuxa a expresar sentimentos e fomenta as expresións. O Encontro Universitario de Danza Contemporánea, un programa artístico impulsado pola USC e que xa camiña pola edición número doce, naceu co obxectivo de favorecer o intercambio cultural a través das distintas propostas coreográficas presentadas polas compañías de danza convidadas e tamén a través da propia convivencia dos compoñentes destas formacións. Este certame pretende asemade achegar a danza universitaria á cidade a á sociedade luguesa.