Uns catrocentos estudantes do programa Erasmus de toda Galicia reuníronse no Campus de Lugo para a súa xornada de convivencia anual

Un total de 400 alumnos estranxeiros do programa Erasmus das tres universidades galegas participaron este venres nunha xornada de convivencia no Campus de Lugo organizada polas tres entidades educativas por segundo ano consecutivo co obxectivo de promover este tipo de intercambios entre estudantes europeos.
A festa iniciouse ás 13:00 horas na Facultade de Veterinaria, cunha recepción a cargo do vicerreitor de Relacións Institucionais da USC, Lourenzo Fernández Prieto; o vicerreitor adxunto de Investigación e Proxección Exterior, Agustín Merino; a vicerreitora de Relacións Internacionais da Universidade da Coruña, María José Martínez López; a decana da Facultade de Veterinaria luguesa, Ana María Bravo moral, e o coordinador de Relacións Exteriores da USC, Francisco Javier Sanjiao Otero.
Durante a presentación, Lourenzo Fernández Prieto deu a benvida aos estudantes e instounos a ser embaixadores nos seus países de orixe de Galicia, xa que como dixo “a USC ocupa o lugar número 25 do mundo en recepción de estudantes do programa erasmus”.
A organización da reunión realizou unha serie de actividades lúdico-culturais para este grupo de estudantes, comezando pola actuación do grupo do Espazo de Danza da USC, que ofreceu a peza ‘O falar calado’, composta por Juan Carlos Zahera, no Auditorio da Facultade.
Tras o almorzo na cafetería deste mesmo centro educativo, organizáronse varias actividades lúdicas. Así, durante a tarde os estudantes puideron realizar xogos tradicionais locais como a chave, a mariola, a corda, a ra, a billarda ou os bolos. Ademais, grupos de 50 persoas visitaron cada hora o Centro de Interpretación da Muralla, aberto ao público o pasado sábado, aos que se trasladaron en autobús.
O fin de festa estivo a cargo de Pepe Vaamonde Grupo, que ofreceu un concerto a partir das 19:30 horas no que presentou o seu segundo disco, ‘Onde nace o vento’. Neste traballo mestura os sons máis tradicionais da música galega coas correntes máis vangardistas do folk europeo.
Trátase dunha formación para o directo, tal e como subliñan as críticas. A calidade como instrumentistas de cada un dos seus compoñentes xunto coa forza emocional das súas composicións forman un cóctel que os converte nunha das bandas de folk máis interesantes do momento, como o demostran os recoñecementos acadados nos medios especializados cos seus últimos traballos discográficos.